Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta loita contra a violencia de xénero con medidas transversais que procuran “a rehabilitación integral das vítimas”

charla sobre igualdad en la biblioteca de burelaBurela, 24 de novembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou hoxe en Burela que a Xunta de Galicia loita contra a violencia de xénero con medidas transversais que procuran “a rehabilitación integral, física e psicolóxica, e a integración laboral e social das vítimas”.

Arias realizou esta afirmación nunha xornada de loita contra a violencia de xénero organizada pola asociación de Mulleres en Igualdade de Burela, onde explicou os distintos recursos educativos, sanitarios, xurídicos, asistenciais, económicos e laborais que ten en marcha a Xunta, coordinados pola Secretaría Xeral da Igualdade.

Ao respecto, incidiu unha vez máis na necesidade de denunciar as situacións de maltrato ou cando menos contactar cos servizos sociais, “o que pode facerse mediante unha chamada de teléfono ao 016 ou ben ao teléfono da Muller da Xunta, o 900 400 273, que funciona as 24 horas do día e informa sobre cuestións como a violencia de xénero, acoso sexual, separacións, divorcios, abandonos do fogar ou sentencias incumpridas, entre outras”.

A delegada informou de que no primeiro semestre do 2014 presentáronse en Galicia 2.569 denuncias por maltrato, e no que vai de ano os xulgados galegos comunicaron 694 medidas de protección, entre medidas cautelares e ordes de protección e afastamento.

Así mesmo, a día de hoxe 336 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia están percibindo algún tipo de axuda económica da Xunta de Galicia, que recentemente incrementou en algo máis de 345.000 euros o crédito para axudas periódicas –as que se conceden por un período de ata doce mensualidades- para as mulleres que non poden afrontar unha independencia inmediata do seu agresor.

Polo que respecta aos recursos asistenciais, a delegada referiuse ao plan de atención integral á saúde para as mulleres vítimas de malos tratos, que inclúe asistencia sanitaria e psicolóxica ou aos programas de atención específicos para mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotación sexual.

Na mesma liña, lembrou que a Xunta abriu este mesmo verán en Santiago de Compostela o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, o segundo centro público desta características que bota a andar en todo o Estado.

Exit mobile version