Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo sufriu ducias de incidencias por mor das intensas chuvias caídas ao longo deste domingo

231114 Foto rotonda autovia VilaselanRibadeo, 23 de novembro de 2014.- Ribadeo sufriu ducias de incidencias, tanto na vila como nas parroquias, por mor das intensas chuvias caídas ao longo deste domingo. Producíronse cortes na estrada N-634 en Vilaframil, nas rotondas de acceso a Ribadeo desde a A-8 en Vilaselán, e tamén se rexistraron asolagamentos en garaxes e nalgunhas vivendas. O alcalde, Fernando Suárez, porase en contacto esta semana con Augas de Galicia para demandar que procedan á limpeza dos regatos e dos ríos de Ribadeo e tamén se dirixirá a Fomento debido á acumulación de auga que se rexistra, cando chove moito, nas inmediacións das circunvalación e da autovía.

O rexedor dixo que “foi algo pouco habitual a cantidade de auga que durante tantas horas estivo caendo e con tanta intensidade en Ribadeo, tanto na vila como nas parroquias, tanto as da costa como as do interior tiveron bastantes incidencias ao longo de todo o día. Quero en primeiro lugar valorar o traballo que levamos facendo durante todo o día os bombeiros de Barreiros, a Policía Local, voluntarios de Protección Civil, a Garda Civil e mesmo os traballadores do Concello que aínda neste momento no que estou facendo esta valoración, xa entrada a noite, seguen traballando nalgúns puntos para intentar remediar ou paliar os danos causados por tanta cantidade de auga, que foi desbordando os regatos e converténdoos en auténticos ríos”.

Suárez Barcia sinalou que “aínda recoñecendo que choveu moitísimo, a partir do inicio da vindeira semana falarei dunha maneira moi seria con Augas de Galicia porque hai moitos regatos que non están todo o limpos e desbrozados que deberan, o que non é unha competencia municipal senón autonómica, a través de Augas de Galicia. E tamén temos grandes incidencias que veñen dadas pola circunvalación e pola autovía A-8”. O alcalde subliñou: “refírome a isto porque os enxeñeiros cando trazan estas vías de comunicación resolven os pasos da auga por debaixo destas infraestruturas, pero non teñen en conta que o que fan é sumar unha chea de regatos e concentralos en moi poucos, en cinco ou seis puntos, que ao final cando chove tanto, como é o caso, isto acábase convertendo nunha auténtica riada. En lugares onde nunca houbo estes problemas, como na Madanela, noutras zonas de Vilaframil, na Devesa, nos Garitos ou na avenida Segundo Moreno Barcia temos agora graves problemas de acumulación dunhas cantidades impresionantes de auga. O que van ter que facer esta xente do Ministerio de Fomento é buscar unha alternativa para diversificar un pouco esta auga porque senón cada vez que chova como hoxe vamos ter estes problemas en Ribadeo. E isto realmente non pode ser”.

O rexedor indicou que “non houbo que lamentar danos persoais, pero houbo problemas e sacrificios para os afectados, sobre todo en garaxes de edificios no ámbito urbano e tamén nos accesos a Ribadeo varias vivendas asolagáronse cunhas cantidades de auga importantes. Houbo cortes de tráfico na estrada Nacional 634, tamén no acceso a Ribadeo dende a autovía A-8, sobre todo polos problemas nas rotondas de Vilaselán”.

Exit mobile version