Site icon Crónica3.com A Mariña

Últimos días para presentar os proxectos do II Concurso de fotografía das Reservas

Últimos días para a presentación dos proxectos para participar no II Concurso de Fotografía das Reservas, que nesta edición ten como tema central Os bosques da provincia nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. O prazo de presentación das fotografías está aberto ata o vindeiro 30 de novembro e pódese consultar na web www.deputacionlugo.gal toda a información e bases deste concurso. Os participantes nesta nova edición, que deberán ser maiores de idade e non premiados con anterioridade neste certame, poderán optar a 3 premios; o primeiro, que ascende a 800 euros, un segundo premio, de 500 euros e finalmente un terceiro, por valor de 300 euros.

Neste certame fotográfico só poderán optar ao premio as persoas maiores de idade que estean interesadas, con obras que non foran premiadas con anterioridade. Ademais, só se poderá presentar unha fotografía por autor/a e terase que entregar nun CD-ROM coa imaxe en formato TIFF en modo de cor RGB. O arquivo terá un tamaño mínimo de 15 Mb. No mesmo CD-ROM deberá existir unha copia da fotografía cun tamaño aproximado de 1,2 Mb comprimidas co formato JPEG en modo de cor RGB. Será necesario acompañar unha copia da fotografía en papel fotográfico en brillo cun tamaño de 24 x 30 cm. As fotografías deberanse presentar, antes do 30 de novembro de 2014, no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Lugo, Rúa San Marcos, 8, C.P. 27001, Lugo, indicando no sobre “CONCURSO DE FOTOGRAFÍA OS BOSQUES DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES”.

A través desta iniciativa a institución impulsa o estudo da natureza e dá a coñecer toda a riqueza medioambiental da provincia para concienciar sobre a importancia de preservar o medio natural. Este concurso, que ten como eixo central as Reservas da Biosfera da provincia, está enmarcado dento das actividades de promoción dos recursos naturais co que se busca establecer a flora e fauna de Lugo como motor xerador de riqueza. Para máis información consultar a web www.deputacionlugo.gal.

Exit mobile version