Site icon Crónica3.com A Mariña

Un novo libro de Lois Diéguez será presentado en Viveiro

lois-dieguezO Salón de Actos do Conservatorio de Música de Viveiro (Travesía da Mariña s/n), acollerá o mércores 10 de decembro ás 20.30 horas, o acto de presentación do libro de Lois Diéguez, con fotografías de Xulio Gil, ‘Lugo, a cidade dos tesouros encantados’ de Engaiolarte Editorial.

O evento inclúe a proxección dun vídeo que introduce ao espectador na proposta literaria e visual desta obra, que aposta por un novo xeito de entrar na realidade histórica, patrimonial e cultural da capital luguesa, percorrendo as súas rúas e deténdose na descuberta de tesouros que só aparecen á vista do espectador e o visitante atento.

En palabras de Felipe Senén, “Lois Diéguez réndelle homenaxe a Lugo, ás súas paisaxes e paisanaxes, ao escenario e os autores e actores. Como un novo e ilustrado Ciprianillo feito á medida de Lugo, complementado con fotografía de Xulio Gil, con cartografía e incluso con plano dos tesouros da cidade. Primeiro fala a chuvia, señora que fai reverdecer o antigo bosque de Lugh, coroado polo que foi castro dos copori e campamento romano a vixiar o Miño, derriba da fonte calda das termas, cidade con orixe no legado fundador Paulo Fabio Máximo. A brétema serviranos de cicerone para furar polo anel, entrar no couto, nun nimbo de Historia, na arqueoloxía de templos pagáns, de solemnes domus, e sobre elas o trepar do tempo: a nula ou moita ilustración municipal, os pazos, as casas humildes, as tabernas, as tendas, os cafés, parladoiros nos que se filosofa e escoitaba, o Circulo das Artes… Lousas sobre as que se presenten os pasos de Pimentel, de Fole, do Cilistro, Isidro Novo, Vázquez Seixas, Trapero Pardo… e sempre o paso pousón e a verba solemne do sobriño do párroco de San Froilán, Manuel María… e Paco Martín e o seu Ramón Lamote”.

No acto do Conservatorio de Viveiro, estarán presentes o editor Xan Carballa e Lois Diéguez conducirá as lecturas representadas de diferentes partes do seu texto, coa participación de Flor Chao, María Simón, Xulia Canoura Díaz, Manuel López, Xoán Guerreiro e Ánxel Vázquez Iglesias.

Exit mobile version