Site icon Crónica3.com A Mariña

Varela e Herraiz subliñan que “con Rajoy e o PP todo foi un engano. Mentiron aos lucenses e crearon unha situación dramática”

socialistas-senadoLUGO, 28 DE NOVEMBRO DE 2014.- O senador por Lugo –Ricardo Varela- e a deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz- subliñaron este venres que “con Rajoy o único que aumentou na provincia é a desigualdade, o paro a pobreza e a débeda”. Así o manifestaron na rolda de prensa de balance do mandato do presidente do Goberno Central, e na que indicaron que a realidade e os datos demostran que “todo foi un engano, pois a situación é totalmente contraria ao que prometeron. Non baixoron o paro, non arranxaron a economía e si que incrementaron os impostos dunha maneira xusta. Por iso, o primeiro balance que facemos é que mentiron claramente aos españois e aos lucenses, creando unha situación dramática”, afirmou Varela.

Neste senso, os socialistas destacaron que a “herdanza que o dirixente do Executivo estatal e o Partido Popular nos deixan é, en primeiro lugar, máis paro, pois, na provincia, hai 7.700 lucenses máis de desemprego que cando o PP chegou ao poder”. “Por primeira vez en democracia, caeu a poboación activa. Tamén caeu a afiliación. Lugo ten agora 8.167 afiliados menos á Seguridade Social. Pasamos de 123.708 en 2011 a 115.541 en 2014”, explicaron. No caso de España, hai preto dun millón máis de persoas sen emprego que antes do cambio de goberno no Executivo e 560.000 menos cotizantes á Seguridade Social.

En segundo lugar, menos protección. Con Rajoy, aseguran os socialistas, hai 18.348 persoas sen traballo que carecen dunha prestación, de xeito que o incremento se sitúa nun 126%, pois hai tres anos o número de persoas que non tiñan estas axudas era tan só de 8.129 cidadáns. No conxunto do Estado, esta cifra ascenden a 3,8 millóns.

En terceiro lugar, emprego máis precario e caída dos salarios. “Fixeron unha reforma laboral que permitiu destruír emprego estable para realizar contratos temporais e/ou a tempo parcial, con salarios máis baixos”. Neste senso, indicou Ricardo Varela que “a precarización do emprego está provocando unha situación insólita: aumentan o pobres con emprego”. E é que o salario mínimo interprofesional en Lugo experimentou unha suba durante o mandato do Partido Popular de tan só o 0,6%. Pola contra, dende 2007 a 2011, este aumento foi do 12,40%.

En cuarto lugar: máis pobreza e desigualdade. As pensións mínimas antes de que chegara o Partido Popular ao goberno aumentaron un 53% fronte ao 5,5% durante o período 2011-2014. É dicir, explicou a deputada no Congreso, “que, nestes momentos, na provincia hai máis de 87.000 persoas cobran a pensión mínima, ou o que é o mesmo, menos de 600 euros”.

En quinto lugar: máis débeda. Neste caso, indicou o senador socialista, o PP endebedou a España. A débeda pública do país, salientou, “é igual a todo o que somos capaces de producir: case o 99% do PIB, 29 puntos máis que hai tres anos”.

En sexto lugar: menos cohesión social. “Rajoy devaluou as pensións, impuxo copagos e fixo recortes sen precedentes en Sanidade, Educación e Dependencia. No primeiro do casos, os pensionistas pagan por copago farmacéutico e pola exclusión de determinados fármacos. En Sanidade, o balance son recortes, expulsión de moitos cidadáns da cobertura sanitaria, incremento das listaxes de espera, privatizacións… E, en Educación, máis do mesmo”, afirmou Varela.

En Dependencia: “o PP desmantelou este sistema”. Conxelou a Lei para novos beneficiarios, reduciu as partidas nos Orzamentos, coa conseguinte diminución do importe da prestación para as persoas con algún dereito recoñecido.

En séptimo lugar: menos investimento en obra pública. Concretamente neste caso, o gasto destinado polo Executivo Central á mellora de infraestruturas na provincia diminuíu nestes últimos tres anos en máis de 2 millóns de euros. Proba delo, é que segundo explicou Pérez Herraiz, o investimento neste capítulo pasou de 7.700 millóns de euros durante o período 2008-2011 a 5.700 durante 2012- 2015.

E, finalmente, en oitavo lugar: máis impostos e máis inxustos. “Rajoy fixo a maior suba de impostos da democracia”. Nada máis chegar ao Goberno, citaron, o 30 de decembro de 2011, aprobou o Decreto Lei que incorpora unha suba de impostos no IRPF e no IBI.

Exit mobile version