Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornadas de divulgación ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’ en Ribadeo

18-Plantilla cartel Ribadeo-page-001Ribadeo, 21-11-14.- A localidade de Ribadeo acolleu este 21 de novembro as xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, que, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, terán lugar ao longo de 20 días dos meses de setembro, outubro e novembro, en 20 concellos de 20 comarcas de Galicia, en sesións de mañá e de tarde.

Nas xornadas, coordinadas polo director de Comunicación da USC, Luís Celeiro, participarán profesores e investigadores, maioritariamente do Campus de Lugo, que lles prestarán especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebra cada conferencia.

Os vinte concellos que acollerán as xornadas, repartidos entre localidades do interior e da costa e espallados polas catro provincias galegas, son os seguintes:
En Lugo: A Fonsagrada, Becerreá, Mondoñedo, Ribadeo e Sarria
Na Coruña: Cee, Melide, Negreira, Padrón, Pontedeume e Ribeira
En Ourense: Celanova, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín
En Pontevedra: Caldas de Reis, Cambados, Lalín, Redondela e Tui

Ribadeo será a décimo oitava localidade que acolla o venres 21 de novembro estas xornadas de divulgación coa conferencia: Ordenación do territorio: espazos naturais e medio rural, impartida por Pablo Ramil Rego, profesor de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, acompañado por Emilio Díaz Varela, profesor de Proxectos de Enxeñaría no departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, ambos moderados pola xornalista Carmen Prado Pico.

A xornada de Ribadeo divídese en dúas sesións:
-Unha matinal, ás 12.30 horas no salón de actos do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, nun acto para os estudantes e persoal do centro.
-Unha vespertina, ás 20.15 horas, na Casa do Mar (rúa Clemente Martínez Pasarón, s/n), con entrada libre para todos os cidadáns que queiran acudir a esta cita.

Este esquema repítese ó longo de todo o ciclo de conferencias, o que representa que 40 profesores e investigadores, moderados por 20 especialistas en comunicación, difunden o coñecemento adquirido e creado en Lugo, dando mostras da fortaleza deste Campus, con varias titulacións moi relacionadas co desenvolvemento do territorio e do medio natural, rural e urbano, tanto nas áreas xeográficas do interior como nas costeiras.

Exit mobile version