Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo asina un convenio de 12.000 euros co Burela FS

convenio-deputacion14-1Burela, 18 de decembro de 2014.- O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, achegouse esta tarde á sede do Burela FS para firmar un convenio de colaboración excepcional a través do que a entidade mariñá recibirá 12.000 euros. En representación do club burelés acudiu asinar o seu presidente, Manuel Blanco Fanego. Tamén asistiron a xogadora do primeiro equipo Paula; a delegada do primeiro equipo María Lopez; e as futbolistas do filial, creado esta temporada e que compite en Provincial, Noemí e Matilde.

Esta axuda vai destinada a sufragar unha parte importante do proxecto ‘Medrando 2.0’, que o club burelista puxo en marcha este ano e cuxas dúas liñas de actuación fundamentais son a creación dun equipo filial, que compite na Liga Provincial, e a posta en marcha dun plan de acción concreto na difusión e promoción dos dous conxuntos femininos que ten a entidade. “Un ano máis seguimos colaborando co Burela FS en xeral, pero especialmente co equipo feminino. Foi o que máis éxitos deu a este club e á provincia de Lugo, xa que foi o primeiro que ganou a Liga e a Copa na máxima categoría. Iso desde logo fainos estar moi ledos, pero o importante é o traballo que están facendo dende o Burela FS polo deporte feminino”, valorou Antonio Veiga.

“Aposta difícil e arriscada polo fútbol sala feminino”
Este plan de acción de difusión e promoción xira en torno a dous eixos fundamentais, como son a promoción e difusión do fútbol sala feminino en toda a provincia de Lugo e analizar a realidade social do entorno para valorar a creación de máis equipos de categorías base. Neste senso, Antonio Veiga recordou e salientou a aposta que fixo o club laranxa anos atrás, axudando a impulsar o fútbol sala feminino na comarca e na provincia de Lugo. “Sabemos que foi unha aposta difícil e arriscada no seu día, pero desde logo que contan co noso máximo apoio, tanto desde a área de Deporte como desde a de Igualdade. Cremos que é un exemplo a imitar e os froitos estanse vendo ao longo dos anos con moitas nenas participando xa dende moi nenas no deporte, neste caso no fútbol sala”, destacou.

Nesta aposta por promocionar o fútbol sala feminino, alén dos títulos acadados no pasado e de ser un dos referentes na Primeira División Feminina, o Burela FS colaborou coa organización nos últimos tres anos de dúas edicións da Copa de España (no 2011 e neste presente 2014). Asemade, en xaneiro deste ano tamén formou parte do comité organizador do Campionato de España de seleccións territoriais de fútbol sala feminino Sub-17, que se celebrou en Burela.

Veiga tamén recordou que o Burela FS é o único club de todo o Estado que conta con equipo masculino e feminino na máxima categoría do fútbol sala. “Invito a todos os clubs a seguir este traballo que está facendo o Burela FSF e neste sentido, para impulsar o deporte feminino, sempre terán toda a nosa colaboración”, remarcou o vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo.

Parabéns ás tres mundialistas
O vicepresidente provincial aproveitou a sinatura deste convenio para felicitar a Jozi, Peque e Shiori, as tres xogadores burelistas que veñen de disputar o Mundial coas súas respectivas seleccións. “Quero aproveitar para felicitar a esas xogadores que participaron no Campionato do Mundo de fútbol sala feminino. Desde logo, é un pracer ter no Burela FSF á campioa do mundo, a porteira Jozi, pero tamén estender os parabéns ás outras que participaron, tanto coa selección española como coa xaponesa”, sinalou.

Exit mobile version