O responsable de Deportes, Antonio Veiga, valorou a importancia da continuidade deste convenio de colaboración cunha das federacións cuxos deportistas mellor representan ao país. “Galiza é unha potencia mundial no mundo do triatlón e en Lugo, tanto o triatlón como o pentatlón moderno, gozan dunha ampla implantación e ano tras anos véñennos dando alegrías a todos os lucenses, ademais de conseguir que moitos rapaces e rapazas se acheguen a facer deporte, un dos obxectivos primordiais que sempre nos marcamos dende a Área de Benestar Social e Deporte”, indicou Veiga.
Esta colaboración é unha das máis que mantén nos últimos anos á Área de Deporte do organismo provincial con federacións deportivas galegas, “co fin de apoiar economicamente iniciativas de promoción do deporte dende a base, facendo especial fincapé naquelas modalidades que se cadra se consideran minoritarias pola súa repercusión mediática, pero que, non obstante, en Lugo ou Galiza contan con número notable de practicantes”, explicou o vicepresidente provincial.
Durante os últimos meses, a Federación Galega de Pentatlón Moderno e Triatlón centrou o seu traballo nos colexios dos concellos de Lugo, Meira, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, A Pastoriza, Viveiro e O Vicedo. Alí desprazaron ao seu persoal e o material deportivo necesario para que os estudantes, de distintas idades, puidesen coñecer máis de preto os dous deportes, así como as súas diferentes modalidades (biatlón, acuatlón, etc.). Esta federación, aproveitando a experiencia dos anos previos, deu un salto de calidade importante para achegar mellores seus deportes a todos os rapaces e rapazas da provincia.
Tres obxectivos fundamentais
Este traballo de campo levado a cabo por técnicos desta federación busca tres obxectivos principais. Por unha banda promocionar estes dous deportes olímpicos (triatlón e pentatlón moderno), aumentar o número de licencias federativas nas escolas de triatlón e pentatlón moderno da provincia que participen nas probas que se disputen a nivel autonómico e en todo o Estado e continuar inculcando aos rapaces o deporte como sinónimo de benestar, solidariedade e saúde.