Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Veciños Cruz da Venta di que os orzamentos participativos da Deputación “son unha estafa”

San Cibrao,17 de decembro de 2014.- A Asociación de Veciños Cruz da Venda de San Cibrao asegurou este mércores que os presupostos participativos da Deputación de Lugo “son unha estafa” tras constatar que o proxecto que se someterá a debate no próximo pleno provincial non inclúe ningunha das reivindicacións formuladas polo colectivo veciñal.

Forzará unha votación dos deputados
Para forzar unha rectificación do Goberno provincial, “que demostrou a súa falta de interese para levar a cabo as demandas formuladas polos veciños de San Cibrao”, o presidente da asociación José Luis Sariego anuncia a presentación dunha alegación formal -que terá que ser votada por todos os deputados provinciais- na que “demandamos que se inclúan as dotacións económicas necesarias para executar a ampliación do Museo do Mar e os accesos ao polígono industrial de Cuiña”.

A Asociación de Veciños Cruz da Venta acusa a Besteiro e ao conxunto do bipartito no goberno, de “desprezar” as propostas realizadas polo colectivo de veciños de San Cibrao e “de ter xogado coas súas lexítimas reivindicacións, creando falsas expectativas sobre unhas obras que nunca tiveron vontade de levar adiante”.

Un teatro moi caro
Dende o colectivo veciñal pregúntase para que se formularon reunións dende a Deputación para acoller deliberacións cidadás, con seguro un alto custo económico, se os políticos, que son os que teñen en exclusiva o control do presuposto, consideran os criterios cidadáns como simples “suxestións” e adoptan só as que lles parecen oportunas, ignorando as que non lles gustan, ou as que politicamente non lles interesan.
Cruz da Venta indica que os presupostos participativos se converteron nun simple “teatro, un disfrace democrático que permite aos políticos seguir facendo o que queren, pero agora coa xustificación de que esas decisións son demandas cidadás”

Rematar os accesos ao polígono de Cuiña
Sariego recorda que a estrada provincial que une o nacional 642 co polígono de Cuiña se proxectou co obxecto de garantir un acceso directo a esta área empresarialuna dos principais do termo municipal xunto ao ámbito de Alcoa. Recorda que na actualidade está paralizada pola Deputación de Lugo, pendente de finalizarse dende o ano 2006, data na que se realizaron as expropiacións e explanación duns 800 metros de vía.

A carencia desta infraestrutura está a provocar importantes prexuízos ás empresas alí emprazadas pero, en especial, situacións de risco e falta de seguridade tanto para os transportistas que se dirixen ao polígono como para os veciños da zona, xa que se ven obrigados a circular por vías urbanas ou polas proximidades de instalacións sensibles como o centro de saúde, centros deportivos, residencias de maiores ou educativas ou vías non aptas para o paso de vehículos de gran tonelaxe, producíndose en ocasións accidentes mesmo con feridos.

O primeiro museo do mar da provincia
Pola súa banda o Museo Provincial do Mar é unha importante infraestrutura museística dirixida á posta en valor do sector marítimo-pesqueiro. O edificio empregado para tal fin dende a súa creación foi inaugurado no ano 1931 como a Escola Unitaria de San Cibrao. Foi remodelado e ampliado pola Deputación Provincial de Lugo entre 1993 e 1994, sendo inaugurado o novo museo o 12 de agosto de 1994.

O museo constitúe unha icona para a provincia, como elemento esencial da súa identidade e como espazo de promoción, posta en valor e enxalzamento do noso patrimonio cultural, marítimo e pesqueiro.

Sariego insiste en que resulta evidente que o actual edificio se queda pequeno non só para albergar as coleccións propias do museo senón mesmo ás máis de 1.500 pezas catalogadas, procedentes de compras, doazóns, herdanzas e depósitos altruístas de moitos lucenses e veciños. O presidente veciñal recorda que a falta de espazo obrigou a almacenar gran parte do material en posesión do museo, o que non só evidencia a necesidade de ampliación senón que mesmo dá lugar a que existan dúbidas respecto a si estas son as condicións máis idóneas para a conservación.

Exit mobile version