Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino recolleu preto de 1.000 sinaturas na Mariña en defensa do ensino público

ensino-publico-galegoA Mariña, 26 de novembro de 2014.- A CIG Ensino puxo en marcha a primeiros do curso escolar unha campaña de recollida de sinaturas en forma de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) co fin de restituír os dereitos do profesorado e mellorar a calidade do ensino. O número total de sinaturas entregadas nas oficinas do censo foi de 22.946, correspondéndolle á provincia de Lugo 3.215 sinaturas.

A CIG recolleu na comarca da Mariña un total de 965 sinaturas, das que aproximadamente un 80% corresponden a sinaturas da comunidade educativa, principalmente ao profesorado, mais tamén a pais e nais do alumnado dos centros de ensino público da Mariña.

A ILP pretende, por un lado, que se dignifique o traballo do profesorado e, por outro, que se tomen medidas que melloren a calidade educativa nos centros públicos da comarca e de Galiza.

Dentro do primeiro obxectivo proponse a non impartición de materias afíns que non sexan da especialidade, a creación de amplas ofertas de emprego público, a cobertura de todas as baixas, dotar a todos os centros de persoal administrativo así como de educadores e coidadores cando sexa necesario, a recuperación do poder adquisitivo perdido, facilitar a xubilación para que se incorpore novo persoal docente, establecer as enfermidades profesionais docentes e a elaboración dun estatuto da función pública docente.
Dentro do segundo apartado están medidas como dedicar o 7% do PIB galego á educación, a redución das rateos actuais por aula, a oferta suficiente de prazas públicas de educación infantil de 0-3 anos, a atención personalizada e unha escolarización adecuada para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, garantir a escolarización no medio rural, a gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado do ensino obrigatorio, a xestión democrática dos centros, o dereito de todo o alumnado ao comedor escolar -que será atendido por persoal específico-, a oferta ampla de actividades extra escolares ou o fomento da lingua galega cara á normalización lingüística no ensino.

A CIG Ensino quere manifestar a súa satisfacción polo éxito da campaña na Mariña e aproveitar a ocasión para agradecer a todas as persoas que asinaron esta ILP a súa colaboración, especialmente ao profesorado, porque significa que non estamos dispostos a que o ensino público galego siga sendo maltratado con todo tipo de recortes que diminúen a súa calidade e que poñen en tea de xuízo o dereito á educación e a igualdade de oportunidades.

Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG Ensino da Mariña

Exit mobile version