Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública reclama a reposición do servizo de urxencia os 5 días á semana no Centro de Saúde de Foz

A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública reclama á Xerencia do SERGAS a reposición do servizo de urxencia os cinco días á semana no Centro de Saúde de Foz “actualmente reducido a tres na quenda de tarde”. Así mesmo, recorda o seu portavoz, Atilano Fernández, reclaman que “as baixas do persoal médico sexan cubertas, evitando así sobrecargar de traballo ao resto do persoal que se ve obrigado a atender aos seus pacientes e máis aos do médico que está de baixa, co conseguinte estrés para os facultativos e deterioro da calidade asistencial para os pacientes”.

A Comisión considera que non é aceptable a situación que se está a dar nos últimos tempos en Foz comezando pola redución dos días da atención do médido de cupo da quenda de tarde de cinco a tres e, agora, a mesma redución de cinco a tres días do médido de urxencias da mesma quenda. Neste sentido, volverá a pedir á Xerencia d Lugo que explique a razón destes recortes no hoario de atención entendendo que os veciños de Foz teñen dereito a seren informados directamente polos organismo responsables da sanidade pública na provincia.

A asociación demanda a contratación do persoal médico necesario para cubrir as baixas prolongadas e para garantir que os servizos que se viñan prestando cinco días á semana sigan prestándose o mesmo número de días entendendo que non hai razón que poda xustificar a súa redución.

Finalmente, a Comisión recorda ós veciños que “non chega con queixarse do mal que están as cousas; senón que é necesario mobilizarse para defender a sanidade pública do deterioro causado por estes recortes”.

Exit mobile version