Site icon Crónica3.com A Mariña

A Coruña e Lugo rexistran taxas similares de falecementos por infarto agudo de miocardio

Santiago, 1 de decembro de 2014.- A Consellería de Sanidade, por medio da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, ven de publicar o Estudo da Análise da Mortalidade en Galicia referidos ao ano 2012, o que inclúe os datos relativos á mortalidade por infarto agudo de miocardio nas provincias de Lugo e A Coruña. Das cifras, presentadas en requerimento dunha Iniciativa Lexislativa Popular, despréndese que non hai diferenzas estatísticamente significativas entre a mortalidade por Infarto Agudo de Miocardio entre a poboación das dúas provincias.

Datos de mortalidade global por IAM en Galicia no 2012
De acordo cos datos recén publicados por esta Consellería, o infarto agudo de miocardio (IAM) sitúase en oitavo lugar entre as causas de mortalidade global. En concreto, representa o 4,7% e 4,5% do total das mortes nas provincias de Coruña e Lugo, respectivamente.

Se avaliamos as taxas de defuncións por infarto agudo de miocardio especificamente en maiores de 55 anos, observamos que a taxa de mortalidade axustada é de 91,6 por 100.000 habitantes da provincia da Coruña, e 85,4 por 100.000 habitantes da provincia de Lugo.

Estes datos reflicten que non existen diferenzas estatísticamente significativas nin na mortalidade global nin na específica de maiores de 55 anos por Infarto Agudo de Miocardio.

Mortalidade hospitalaria no 2013
A análise da mortalidade hospitalaria permite ao Sergas avaliar os datos segundo a provincia de residencia do total de pacientes con infarto agudo de miocardio, independentemente do centro sanitario no que fosen atendidos.

O número de pacientes con infarto agudo de miocardio con residencia na provincia da Coruña e que foron atendidos en hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde no 2013 foi de 1.292, dos que faleceron 85, é dicir un 6,58%. No que respecta a pacientes con infarto agudo de miocardio con residencia na provincia da Lugo e que foron atendidos en hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde a cifra foi de 524, dos que faleceron 34 pacientes, o que reflicte unha taxa equivalente de 6,49%.

Tamén segundo datos de actividade hospitalaria relativos ao 2013, e avaliando especificamente a casuística e mortalidade por infarto agudo de miocardio con elevación de ST (susceptible de ser atendido con anxioplastia primaria) na provincia da Coruña foron atendidos 597 pacientes, dos que faleceron 35, é dicir un 5,86%. Con respecto da casuística e mortalidade por infarto agudo de miocardio con elevación de ST (susceptible de ser atendido con anxioplastia primaria) na provincia de Lugo foron atendidos 260 pacientes, dos que faleceron 16, é dicir un 6,15%.

Os datos de mortalidade hospitalaria por Infarto Agudo de Miocardio nas provincias de A Coruña e Lugo, ao igual que acontecía coa mortalidade global, non reflicten diferenzas estatísticamente significativas, e iso a pesar da idade da poboación, máis alta en Lugo que en A Coruña.

Código infarto
Estas cifras demostran que un dos puntos clave na atención é a coordinación da atención e avalan a importancia que nestes casos tivo PROGALIAM (Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio), pioneiro en España na implantación dun sistema en rede, que mellorou substancialmente a atención na nosa comunidade mediante a integración e mellora da coordinación entre a atención extrahospitalaria e hospitalaria.

O seu obxectivo é mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente co IAM, ao tempo que promove a equidade no acceso ás prestación do sistema sanitario. É parte do esforzo dos profesionais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, en colaboración cos hospitais do Servizo Galego de Saúde, acurtar o tempo no que os pacientes con infarto agudo de miocardio reciben o tratamento óptimo de reperfusión.

Os pacientes diagnosticados de IAM nas unidades de soporte vital avanzado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ou nos hospitais que non teñen servizo de Hemodinámica 24 horas son trasladados inmediatamente e, dun modo seguro, aos centros de referencia correspondentes. Así mesmo, unha vez realizado o procedemento de anxioplastia primaria, se o paciente pertence a outra área sanitaria, o programa garante o seu retorno ao seu hospital de referencia.

Exit mobile version