Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acolle a xornada ‘Fagamos contas. 35 anos de autonomía: como nos foi?’ organizada pola Fundación Galiza Sempre

pres-xornada-autonomiaLugo, 10 de decembro de 2014. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu este mércores a presentación da xornada ‘Fagamos Contas. 35 anos de autonomía: Como nos foi?’, que organizará o vindeiro sábado nas instalacións da Deputación de Lugo a Fundación Galiza Sempre, en colaboración coa Área de Cultura do organismo provincial. No acto estiveron presentes o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro; o Director-Xerente da Fundación Galiza Sempre, Xavier Campos; e dous dos relatores que tomarán parte nesta xornada, a profesora da USC Mar Pérez Fra e o maxistrado do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Lugo, Luís Villares.

Mario Outeiro explicou que este evento “se celebrará o sábado 13 de decembro, en xornada de mañá e tarde, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e terá como finalidade analizar os 35 anos de autonomía de Galiza e como influíron as políticas desenvolvidas dende o Estado na nosa comunidade autónoma. Farase dividindo todo en cinco bloques de traballo, nos cales contaremos con 10 expertos, cada un deles especializado nunha temática, que axudarán a facer esa análise dun xeito obxectivo de tres décadas e media de autonomía dentro deste contexto do Estado español”, apuntou o delegado provincial de Cultura e Turismo.

Pola súa banda, Xavier Campos, Director-Xerente da Fundación Galiza Sempre concretou máis a meta que se marca a organización con esta xornada. “Organizámola para analizar fundamentalmente que supuxo a autonomía para o noso país, facendo as contas en base a análise de datos obxectivos e das políticas que se desenvolveron nestes anos, e que consecuencias tiveron para o noso país nos diferentes ámbitos: no territorio e demografía, na economía e industria, na lingua e cultura, e no propio autogoberno”, indicou.

“Necesidade de contar con capacidade real para decidir”
Campos remarcou que “en definitiva, trátase de avaliar en que medida a dependencia de Galiza do Estado español prexudica ou beneficia ao noso país, cunha conclusión que xa podemos adiantar, que é a necesidade de Galiza de contar con capacidade real para decidir sobre os seus asuntos, sobre todo aquilo que nos afecta, como elemento central para poder desenvolver economicamente e socialmente o noso país”, concluíu Campos.

En canto a Mar Pérez e Luís Villares, avanzaron un pouco en que consistiran os seus relatorios. Son dous bos expoñentes dos expertos que participarán na xornada deste sábado. Entre eles tamén se atopan Dolores Puga; científica titular do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC; Rubén Lois, Catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC; Joam L. Facal, enxeñeiro industrial superior e economista; Nel Vidal, Presidente da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua; Mercedes Queixas, Secretaria Xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Alba Nogueira, profesora titular de Dereito Administrativo da USC; Heriberto Cairo, Decano da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid; e Victoria Iglesias, coordinadora da Marcha Mundial das Mulleres.

Grave desequilibrio demográfico e despoboamento do rural
Mar Pérez participará dentro do bloque de Economía e Industria, ofrecendo a súa visión sobre “o grave desequilibrio demográfico que sufrimos, xa que as áreas rurais se están despoboando”, unha problemática na que considera que teñen influído de xeito importante as erradas medidas de axuste agrario. Ademais, entende que Galiza “sempre foi claramente prexudicada polas transferencias, algo que coa nova Política Agraria Común non se corrixirá, senón que se acentuará”, confirmou.

Mentres tanto, Luís Villares participará no bloque de traballo de Benestar. Exporá a “asunción que sufriu Galicia das súas competencias no seu acceso ao autogoberno. Queremos verificar se o acceso a esa autonomía, que debería ter un marcado carácter social, se levou a cabo en realidade e se ten valido para mellorar a redistribución da riqueza, a calidade de vida da poboación xeral e o nivel de oportunidades. Tamén valoraremos se a coordinación entre as administracións ten sido frutífera e mesmo nos atreveremos a dar algunha receita para intentar mellorar a situación actual”, indicou Villares.

Programa
A xornada dará comezo no Salón de Actos da Deputación ás 10:30 horas coa presentación e benvida, que correrá a cargo de Mario Outeiro e de Guillerme Vázquez, presidente da Fundación Galiza Sempre. Pola mañá, das 11 ás 14 horas desenvolveranse os bloques de traballo relacionados co territorio e a demografía, o autogoberno e a economía, e a industria. Xa pola tarde, ás 16 horas desenvolverase o bloque de benestar e a partir das cinco da tarde acometerase o análise sobre lingua e cultura. Xavier Campos será o encargado de clausurar a xornada, a partir das seis da tarde.

Exit mobile version