Este plan de reordenación é unha vella reivindicación dos veciños de Viveiro, e así o manifestaron coas súas propostas para a elaboración dos Orzamentos Participativos de 2015”, os primeiros dunha Deputación en España. Deste xeito, o organismo provincial lugués continúa dando resposta ás peticións concretas que os lucenses fixeron no eido das infraestruturas, ao igual que xa fixo con outras actuacións longamente reclamadas, como o arranxo da estrada que une o Concello lucense de Xermade co coruñés de As Pontes de García Rodríguez ou os accesos ao Pazo de Tor, por citar algúns exemplos.
Valor engagido para o turismo
Gómez Besteiro subliñou que esta reordenación do tráfico rodado en Viveiro, a maior das últimas décadas e cuxas actuacións iniciáronse baixo o mandato do anterior alcalde, Melchor Roel, encamiñada a desconxestionar a circulación de vehículos e peonalizar o casco histórico “contribuirá a revalorizar o atractivo turístico de Viveiro, protexendo e engadindo valor a unha contorna de gran singularidade histórica, ao facilitar o acceso a estes espazos de todos os veciños e visitantes eliminando posibles barreiras arquitectónicas”.
Pola súa banda, a Alcaldesa María Loureiro agradeceu á Deputación “unha axuda fundamental para que o Concello poida acometer melloras desta trascendencia”. Loureiro destacou a importancia destas melloras, encamiñadas a desconxestionar o intenso tráfico que Viveiro soporta, especialmente nos meses de verán, e conseguir dar un uso practicamente residencia e peonil ao casco histórico de Viveiro, o que repercutirá positivamente no seu atractivo turístico.
Ambicioso proxecto
As actuacións levaranse a cabo en sete zonas diferenciadas. A primeira delas correspóndese co cruce de Verxeles que dá acceso á ITV e á estación de ferrocarril, onde se creará unha rotonda que permita xirar a vehículos pesados. Na segunda destas zonas, o cruce de acceso ao casco histórico dende Verxeles, crearase outra rotonda que permita regular o tráfico e o acceso ao casco histórico.
Tamén se actuará na zona próxima á Misericodia, reducindo as dimensións da rotonda e as beirarrúas existentes para mellorar a maniobrabilidade dos vehículos e cambiando a ubicación actual do paso de peóns.
No tramo comprendido entre a Ponte da Misericordia e a rotonda da oficina de turismo aumentarase a dimensións das beirarrúas, soterraranse contenedores de lixo e crearase unha zona de carga e descarga. Nesta mesma zona tamén se reconfigurará a entrada e saída dos vehículos: a entrada realizarase fronte á praza de abastos e a saída pola rotonda da oficina de turismo, cambiarase a ubicación dos pasos de peóns e instalaranse novos semáforos. Na zona da Cruz Roxa tamén se reubicará o paso de peóns cara a saída da ponte e se mellorará a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, entre a praza de Lugo e a porta de Carlos V quedará cun só carril en dirección Celeiro. Deste xeito, o espazo do carril eliminado será empregado para crear prazas de aparcamento para o casco histórico.
Estas actuacións irán acompañadas de modificacións na sinalización horizontal e vertical en todas estas zonas. Está previsto que os traballos se leven a cabo nos vindeiros meses para que estean rematados antes do comezo da tempada de verán, meses nos que o tráfico en Viveiro se intensifica notablemente.
45.000 euros para actividades culturais
Por outra banda, no mesmo convenio tamén destaca unha aportación de 45.000 euros para a organización de actividades de dinamización cultural ao longo de todo o ano. Deste xeito, a Deptuación tamén atende ás peticións realizadas polos veciños nas xuntanzas de presupostos participativos, durante as que trasladaron aos responsables provinciais a necesidade de manter actividades capaces de atraer visitantes á Viveiro máis aló da época estival.