Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece o obradoiro gratuíto para nenos “Reciclando Agasallos”

Lugo, 17 de decembro de 2014.- A Deputación de Lugo, dentro da súa liña de promoción do medio ambiente , ofrece a actividade gratuíta Reciclando agasallos, obradoiro infantil que servirá para amosar técnicas para reempregar o lixo e convertelo en agasallos.

Ésta actividade gratuíta está dirixida a 300 nenas e nenos de entre 6 a 12 anos e celebrarase entre os días 19 de decembro e 3 xaneiro no Pazo de San Marcos. Ademais, para estes cursos, hai reservadas prazas para rapaces con necesidades especiais, que contarán cun monitor de apoio.

Durante os obradoiros os participantes poderán inscribirse nun concurso de contos que se publicarán nos perfís das redes sociais do organismo provincial. Os 10 contos máis votados serán valorados por un xurado e poderán optar a gañar unha estadía de fin de semana coa súa familia en Garabullos, con un completo programa de actividades dinamizado pola Asociación Revolta Natural.

A través desta actividade a Deputación aposta por establecer o medio ambiente como un dos factores diferenciadores da provincia ó tempo que crea conciencia sobre os hábitos de consumo e que inflúen de xeito directo ou indirecto, na conservación do patrimonio natural da provincia.

Datas, horarios e inscrición
Este novo obradoiro de Nadal celebrarase nas instalacións da Deputación de Lugo entre os días 19 de decembro e 3 de xaneiro, a excepción dos domingos e días festivos. Pola semana as sesión transcorrerán de tarde, entre as 16:30 e as 19:30 horas e, os sábados, o horario será de mañá, entre as 10:30 e as 13:30 horas.Para inscribirse nesta actividade é preciso cubrir o formulario da páxina www.deputacionlugo.gal na que atoparán tamén información máis detallada de horarios e datas ou no teléfono 600-034-907.

Exit mobile version