Deste xeito, a executiva que dirixe Santín ratifica o apoio do Partido Socialista neste eido, e que xa quedou demostrado tamén no Parlamento de Galicia, no Senado, no Congreso e na Deputación. “Porque a diferenza do Partido Popular, sempre estaremos, e así o demostramos, do lado de aqueles que empurran en prol da recuperación do crecemento e da capacidade de creación de emprego en Lugo, en Galicia e en España. Reclamamos que estas peticións sexan tratadas como o que deben ser: unha prioridade para os Gobernos Central e da Xunta. E solicitamos que este tema sexa abordado por riba de motivos ideolóxicos e por diante de criterios de calculadora, pois nun problema destas características non poden escudarse en decisións tomadas dende Madrid, senón na realidade e nas necesidades propias da poboación galega e, neste caso, dos traballadores e traballadoras de Alcoa e da Mariña”, especifican.
Impasividade do PP
Os socialistas cren que o Goberno está obrigado a abordar o problema das empresas cun gran consumo de enerxía á hora de atopar solucións para estas situacións de incerteza recorrentes. Na poxa Alcoa só obtivo tres dos catro bloques de 90 megawatios que solicitara para a súa factoría en Cervo, e ningún dos solicitados para a coruñesa. Isto provoca que a entidade non vai obter os servizos de interrumpibilidade suficientes que posibilitan a esta compañía e a grandes consumidores de electricidade obter a enerxía que consumen a prezos máis reducidos, pois, ata o de agora, a enerxía supoñía o 40% dos custos da compañía pero, sen as retribucións pola interrumpibilidade, a factura aumentará considerablemente e deixará á empresa fóra do mercado a nivel mundial. Precisamente, esta circunstancia é a que evidencia a necesidade de que as empresas dispoñan de electricidade a un prezo que lles permita manter a competitividade nos seus produtos e, polo tanto, o emprego; todo o contrario do que está a facer o Executivo estatal.
Por este motivo, mentras “a sombra de peche, despidos e unha nova desfeita laboral asusta á Mariña en xeral”, e a compañía argumenta que non son rendibles sen os incentivos eléctricos e non está a favor da poxa que defende o ministro de Industria, denuncian que alcaldes e deputados do Partido Popular, así como o presidente do Goberno galego, “continúen permanecendo impasibles”.
“Desfeita laboral”
A executiva provincial uniuse así porque “o pesadelo do paro non acaba, senón que medra e medra. O cóctel da recesión e austeridade lévase por diante máis de 5.000 empregos na Mariña e o tecido industrial desta comarca non sae da parada cardíaca”. E é que, “custa imaxinar que isto sexa posible”, pois se a desaparición de empresas importantes para a economía da zona como o Grupo Mon, Muebles Hermida ou ECAR, ou a crítica situación de Sargadelos e da antiga Ecesa, supuxo e está a supoñer un retroceso no desenvolvemento socieconómico da comarca, o futuro, subliñan, non se presenta moito máis alentador coas informacións sobre a factoría produtora de aluminio, e cuxa dirección prepara un despedimento colectivo para as súas fábricas da Coruña e de Avilés, en Asturias.