Site icon Crónica3.com A Mariña

A implantación da Xerencia Integrada supuxo a perda de recursos económicos, materiais e humanos para a Sanidade da Mariña segundo a CIG

A CIG Saúde A Mariña entende que o SERGAS e a EOXI están a utilizar o anuncio de novos servizos e prestacións como campaña publicitaria electoral, coa que esconder a realidade dos recortes e deterioro que vén padecendo a sanidade pública na Mariña. Para a central sindical, a implantación da EOXI, lonxe de potenciar e mellorar a asistencia sanitaria na nosa comarca, supón unha perda enorme de recursos económicos, materiais e de persoal, que empeora a calidade asistencial e aumenta a derivación de doentes aos centros privados de Lugo.

Para ratificar esta denuncia basta con facer un repaso polos supostos novos servizos e as melloras anunciadas dende o SERGAS e a dirección a través de grandes titulares na prensa, e comprobar cal é a situación real dos mesmos, o grao de funcionamento e a dotación material e de persoal que recibiron.

HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO
En outubro de 2013 ponse en marcha a unidade de Hospitalización a Domicilio cunha dotación en recursos humanos precaria e coa promesa de que a 15 de xaneiro de 2014 estarían funcionando os dous equipos de persoal necesarios para cubrir as mínimas necesidades asistencias dunha comarca cunha alta dispersión xeográfica. Porén, as promesas do SERGAS nunca chegaron a cumprirse. A día de hoxe, a dotación de persoal segue sendo a inicial e para cubrir as necesidades do único equipo fanse sistematicamente contratos precarios de días soltos.

A posta en marcha da unidade de Hospitalización a Domicilio é un bo exemplo das políticas propagandísticas do SERGAS e do Partido Popular, unha unidade que trata de saír adiante grazas ao esforzo das traballadoras e traballadores e non polo interese dos responsábeis políticos que alardean da súa implantación.

HOSPITAL DE ONCOLOXÍA
Outro servizo que nace en precario e coa promesa de que a principios do ano que vén estará funcionando a pleno rendemento é o Hospital de Oncoloxía. Mais, quen pode crer isto logo das promesas incumpridas con Hospitalización a Domicilio? A CIG-Saúde non. Estamos ante outra posta en marcha con ánimo puramente publicitario, que só busca a foto e non cubrir as necesidades da Comarca, pois carece de dotación de persoal e conta cunhas instalacións recén inauguradas que precisan reformas urxentes por unha mala planificación das obras.

Para a CIG-Saúde resulta intolerábel que a Consellaría se sinta “orgullosa” dun servizo que abre os xoves pola mañá para atender a un/ha paciente, permanecendo pechado o resto da semana, e que, ademais, para realizar esta atención, se desprace a enfermeira do hospital de día hematolóxico. Isto é o que popularmente se coñece como “desvistir un santo para vestir outro”.

SEGUNDA SALA DE ENDOSCOPIAS
A Xerencia Integrada anuncia en xaneiro de 2014 a posta en marcha dunha segunda sala de endoscopias no centro mariñao. En realidade o que se fixo foi habilitar unha segunda sala de endoscopias pero sen dotala de persoal e que, durante todo este ano, funcionou tan só mes e medio.

Por iso non podemos menos que afirmar que se a nosa área de endoscopias, tal e como aseguran, é das mellores de Galiza estamos camiñamos directamente cara unha sanidade de beneficencia.

CENTRAL TÉRMICA DE BIOMASA
As novas caldeiras de biomasa non son mérito propio da EOXI, xa que foron cambiadas en todo o SERGAS, retirando as de gasóleo para incorporar as de biomasa. É o SERGAS quen pon en marcha o chamado plan de aforro enerxético, un plan PRIVATIZADOR que consiste en entregar aos seus amigos empresarios a xestión da calefacción e auga quente sanitaria, afondando máis na privatización dos servizos de mantemento dos Hospitais Públicos.

De ningún dos xeitos se pode entender como un logro para a sanidade da Mariña que se entreguen cartos públicos a unha empresa privada por realizar un servizo que até xestionaba directamente a administración.

AUMENTO DE PERSOAL
Paralelamente a publicación da taxa de reposición do 10%, publícase a prohibición da creación de toda nova praza. Isto significa que de cada 100 vacantes por xubilacións que se producen, 90 desaparecen e non se pode crear ningunha nova. E isto mesmo é o que realmente está a acontecer na Mariña: destrúen prazas nos centros de saúde, tanto de medicas como de enfermeiras, e destrúen prazas no mesmo Hospital da Costa. No que vai de ano destruíronse máis prazas das que se crearon na nosa comarca.Os datos facilitados pola EOXI son falsos, xa que non crearon a praza de médico de HADO, nin unha nova praza de especialista en oftalmoloxía, mais si pecharon o servizo de contabilidade.

O que si é unha realidade é que non se dá cobertura ás ausencias o que provou, como vén denunciando este sindicato, a falta de cardiólogos, o colapso de anatomía patolóxica, a ausencia da médica de Saúde Laboral ou o peche de consultas na atención primaria tanto de enfermaría como de médicos de familia e pediatras, entre outros.

AMPLIACIÓN
A respecto da tan cacarexada ampliación do Hospital, o que temos a día de hoxe é un Plan Director posto en marcha, que xa é o terceiro na historia do hospital, sen que ningún deles concluíra nunha ampliación real. Unha vez máis, o que se nos está vendendo é fume, seguindo na liña de propaganda electoral habitual do PP.

Á CIG-Saúde chámanos a atención que coa necesidade que ten este centro de ampliación, se anuncie que comezarán as obras coa construción dun aparcadoiro en vez de comezar polo que realmente urxe, a nova área de hospitalización. Desconfiamos que detrás de todo isto, se esconda o inicio dunhas obras que busquen silenciar as voces críticas e dar a sensación de que se está traballando na ampliación do hospital, mais finalmente que todo remate coa construción dun aparcadoiro para entregar á xestión privada.

O aparcadoiro non é unha prioridade, ampliar as áreas de hospitalización si.

PERDA DE RECURSOS
Por todo o anterior, dende CIG Saúde A Mariña denunciamos que a Área de Xestión Integrada, lonxe de potenciar e mellorar a asistencia sanitaria na nosa comarca, supón unha perda tanto de recursos económicos e materiais como de persoal que, lonxe de achegar a sanidade ás mariñás e mariñaos, empeora a calidade asistencial e aumenta a derivación aos centros privados de Lugo.

É por iso que dende CIG Saúde A Mariña solicitamos, como levamos facendo todo este tempo, a dotación completa de persoal e posta en marcha do segundo equipo prometido de HADO para garantir unha asistencia sanitaria de calidade; un Hospital de Día Oncolóxico coa dotación suficiente para atender as necesidades da poboación da Mariña, que funcione de luns a venres e horario de mañá e tarde, e evitar así longos desprazamentos a Lugo e A Coruña.

Reivindicamos tamén unha segunda sala de endoscopias realmente operativa con dotación de persoal; un servizo de anatomía patolóxica con persoal e equipamento suficiente para sacar adíante o traballo pendente nun servizo colapsado; a cobertura da médica de Saúde Laboral, así como de todas as ausencias tanto na atención hospitalaria como nos nosos centros de saúde, cada vez máis recortados en persoal e material.

Reclamamos a paralización das privatizacións iniciadas en mantemento e que volvan eses servizos a mans públicas, así como unha ampliación real e inmediata do Hospital da Costa que non remate coa construción dun aparcadoiro.

Exit mobile version