Na primeira categoría infantil, na que participaban nenos de ata 6 anos, a gañadora foi Alice Freixo Forés, de 6 anos. O segundo posto foi para o cativo de 3 anos Brais Sixto Blanco. Paralelamente, nesta categoría o xurado decidiu entregar ademais dous accésits: un a Guillermo Lestegás López, de 3 anos, e outro a Alberto Núñez Lago, de 6 anos. Na segunda categoría infantil, de 7 a 10 anos, os gañadores foron: Mireya López Basanta (9 anos), en primeiro lugar, e Miguel Fernández Cortés (10 anos), en segundo posto. E finalmente, na categoría xuvenil, de 11 a 16 anos, alzáronse como triunfadores Andrés Moreda Hermida (11 anos), no primeiro lugar, e María Femenías Hermida (13 anos), no segundo. De entre todos eles, o xurado tivo que escoller unha soa postal para representar ao Concello na súa felicitación das festas de Nadal. Unha elección que rematou finalmente coa obra de Andrés Moreda Hermida alzándose coma gañadora e o premio especial ao colexio gañador foi para o centro Nosa Señora do Pilar.
Ángel Paleo Soto, concelleiro de Cultura de Foz, mostrouse moi satisfeito coa alta participación obtida na XIII edición deste concurso de postais de Nadal, que é o máis antigo da comarca, e agradeceu o interese mostrado polos diferentes colexios da vila. Ademais, dende a Biblioteca Pública Municipal, organizadora do concurso, agradecen o esforzo realizado por tódolos participantes, e destacan a gran calidade observada nos traballos presentados.