Site icon Crónica3.com A Mariña

A tenda ribadense Casa Vicente, fundada en 1951, trasládase a un baixo fronte ó Centro de Saúde

161214 Foto Casa Vicente 1Ribadeo, 16 de decembro de 2014.- A tenda de paquetería, fogar e mercería Casa Vicente, de Ribadeo, acaba de trasladarse ao número 51 da rúa Reinante (fronte ao centro de saúde) co obxectivo de mellorar e de ofrecer unhas instalacións máis modernas e amplas á súa fiel clientela, tal e como explica a súa propietaria, Rosa Azucena Fernández Martínez.

Ela é a segunda xeración á fronte dunha tenda, Casa Vicente, que puxo en marcha en 1951 nesa mesma rúa de Ribadeo o seu pai, Vicente Fernández Sánchez, que ten 93 anos e que conta que este é o quinto local que ocupa o establecemento e sempre nesta vía. Vicente Fernández chegou a Ribadeo con 28 anos procedente Das anzas e sinala que na tenda naqueles primeiros anos se vendían camisas, camisetas, medias de punto inglés de algodón (anteriores ás medias de cristal), refeixes, chapos de la, etcétera. Vicente Fernández recorda que “un par de calcetíns na década dos 50 se podía adquirir por 10 pesetas, mentres que hoxe o prezo medio pode oscilar entre os 3,90 e os 4 euros”.

Tanto Vicente Fernández coma a súa filla Rosa destacan o carácter fiel e a bondade da súa clientela: “moitos foron os que se ofreceron ao longo destes días para axudarnos co traslado e estamos moi agradecidos por iso”. Os dous sinalan que “con este cambio volvemos un pouco ás nosas orixes, porque a tenda xa estivo neste tramo da rúa Reynante hai tempo. Agora retornamos tras pasar varios anos na mesma vía, pero fronte á praza de abastos”.

Exit mobile version