Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación solicita que se lle outorgue a Galiza un marco enerxético propio

Lugo, 5 de decembro de 2014. A Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Antonio Veiga, participou na elaboración da declaración institucional aprobada este venres na Xunta de Goberno do organismo provincial sobre a situación de Alcoa e quere deixar claro que “a nós o que máis nos preocupa son os cerca de 2.000 postos de traballo que xera en San Cibrao. De momento, a planta da Mariña parece que non corre perigo para este vindeiro ano, pero con este sistema de poxa é como ter unha espada de Damocles enriba da cabeza e é unha situación de incerteza que se vai repetir todos os anos. Ademais, vemos con preocupación como lle pode afectar a situación das plantas da Coruña e Avilés á de San Cibrao”, puntualiza Antonio Veiga.

Galiza, soberana e independente en termos enerxéticos
O vicepresidente provincial recordou que Galiza é excedentaria en enerxía. “Para producir precisamos enerxía e con prezos loxicamente acordes a un país como Galiza. Se unha das empresas máis grandes dun país que ten excedentes de produción de enerxía sofre este problema, algo falla neste sistema”, lamentou.

Veiga incidiu en que “a enerxía é vital para un país, clave para o seu desenvolvemento e o dos seus sectores produtivos. Polo tanto, non é un ben de consumo máis, que se rexa simplemente pola oferta e a demanda. E clave que un país sexa soberano e independente enerxeticamente”, remarcou.

O nacionalista reivindicou “unha tarifa eléctrica galega, que nos permita dispoñer da nosa produción enerxética, como xa acontece noutros puntos do Estado como Eukadi. A enerxía está aquí, non hai que transportala, pero pagámola ao mesmo prezo que un que está a 1.000 quilómetros e que, ademais, non ten que soportar o impacto medioambiental que supón a súa produción”, criticou Veiga.

Finalmente, reclamou que “mentres non se artelle outra opción mellor, deberíamos volver ao sistema antigo, de pago por consumo, xa que a implantación do sistema de poxa na adxudicación da ininterrumpibilidade cremos que non é valido porque produce unha competencia desleal entre as empresas e xera unha enorme incerteza á hora de que estas aposten por modernizar as súas factorías”, concluíu Veiga.

Exit mobile version