Na actualidade este núcleo rural deste concello da Mariña luguesa conta cun sistema de saneamento que consiste en fosas sépticas individuais. Trátase dunha zona residencial vinculada principalmente á actividade agrícola, para a que se prevé un sistema de saneamento similar ao que existe nos núcleos de Santo Tomé e San Adriano, que teñen a súa rede conectada á depuradora de Santo Tomé.
As obras, cuxo prazo de execución é de 4 meses, consistirán nunha rede de saneamento de tipo separativo que recollerá as augas residuais do núcleo de Requeixo. Estará composta por un total de nove colectores que conectarán coa Edar grazas a unha infraestrutura de tubaxes de case tres quilómetros de lonxitude (2.966 metros). Ao longo do trazado será preciso realizar senllos cruzamentos nas estradas LU-P-2802 e LU-122 mediante perforacións horizontais encamisadas. Este proxecto de saneamento tamén recolle a reposición dos servizos e pavimentos afectados polas obras.
Con esta actuación en materia hidráulica preténdese eliminar as insalubres e contaminantes fosas sépticas que na actualidade empregan os habitantes do núcleo de Requeixo.
Dende Augas de Galicia destácase que este tipo de proxectos melloran a calidade de vida e o contorno dos habitantes do núcleo de Requeixo, dotándoos dun sistema de saneamento axeitado; ao tempo que se eliminan as fosas sépticas, que constitúen focos contaminantes, polo que se mellorará considerablemente a calidade ambiental da zona.
Con esta actuación tamén se optimizaas infraestruturas existentes, xa que a EDAR de Santo Tomé pasará a depurar as augas dos tres núcleos, Requeixo, Santo Tomé e San Adriano.