Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia a próxima semana as obras de renovación e mellora da sinalización da estrada LU-540

Lugo, 13 de decembro de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, iniciará a próxima semana os traballos de renovación e mellora da sinalización horizontal da estrada LU-540, que une Viveiro coa comarca da Terra Chá.

A actuación, prevista dentro do plan de conservación trazado dende o departamento, levarase a cabo no tramo comprendido entre o p.q. 8, á saída de Viveiro, e o p.q. 38, situado na parroquia de Cabreiros, no concello de Xermade.

Deste xeito, actuarase nun treito de 30 quilómetros no que polo estado que presenta a sinalización horizontal os técnicos estimaron que era precisa a renovación da mesma. As actuacións contan cun orzamento de máis de 80.000 euros e levaranse a cabo en fases, priorizando inicialmente a renovación da pintura no eixe central da vía, e en función das condicións meteorolóxicas que faciliten a fixación idónea das marcas.

Estes traballos suporán una mellora da seguridade viaria da estrada, que é un importante nó de comunicación ao enlazar a capital lucense coa comarca da Terra Chá e coa comarca da Mariña Occidental.

En especial, esta vía é moi utilizada polos preto de 70.000 veciños das concellos das dúas comarcas referidas e exerce de importante vía para o transporte de mercadorías para e dende a costa lucense.

Aos traballos que se levarán a cabo nas próximas semanas na LU-540 súmase a instalación de captafaros que se ven realizando nas últimas datas no entorno desta vía, unha medida que incide no obxectivo da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de incrementar a seguridade na rede de estradas autonómicas na provincia de Lugo, neste caso, mellorando a visibilidade por parte dos usuarios da estrada en condicións de visibilidade adversa.

Exit mobile version