Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta promove a contratación de 12 axentes de emprego noutros tantos Concellos da Mariña

Lugo, 9 de decembro de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, subvencionará nos próximos meses a contratación de doce axentes de emprego e desenvolvemento local que prestarán os seus servizos nunha ducia de entes locais da comarca da Mariña.

Así o indicou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que asegurou que os traballadores prestarán servizo en tódalas institucións locais por un período de doce meses.

A Xunta, que inviste preto de 90.000 euros (88.990 euros) nestas contratacións, respondeu positivamente a todas as solicitudes presentadas polos concellos da zona, que desta maneira, reciben axuda económica por parte do Executivo galego para este servizo.

Os axentes de emprego desenvolven tanto tarefas de estudo sobre o mercado laboral como de asesoramento puntual aos emprendedores, centrándose nas características e posibilidades de empregabilidade da zona concreta que supón o seu ámbito de actuación. O seu principal obxectivo apunta “á promoción económica local, ao impulso de proxectos empresariais e de iniciativas innovadoras para a xeración de emprego naquelas actividades económicas que ofrecen mellores perspectivas de futuro no lugar de referencia”, expuxo Arias.

Para isto, os axentes de emprego realizan prospeccións de recursos ociosos ou infrautilizados no panorama económico local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores. Difunden esta información entre desempregados, promotores e emprendedores, estimulando a formación dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

Os axentes de emprego realizan tamén labores de acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais concretos. Informan sobre a viabilidade técnica, económica e financeira; ofrecen asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento, e solventan calquera dúbida que poida xurdir neses inicios da actividade empresarial.

A rede axentes de emprego e desenvolvemento local é unha aposta da Consellería de Traballo e Benestar polo progreso económico e empresarial dende unha perspectiva local, favorecendo especialmente ás zonas menos favorecidas en termos socioeconómicos en aras de conseguir un maior equilibrio territorial.

A relación de entes beneficiarios e os axentes que lles corresponden é o seguinte:

CONCELLO/ENTE

TRABALLADORES

BARREIROS

1

BURELA

1

CERVO

1

FOZ

1

LOURENZA

1

MONDOÑEDO

1

OUROL

1

PONTENOVA (A)

1

RIBADEO

1

TRABADA

1

VICEDO (O)

1

XOVE

1

Exit mobile version