Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta traslada ós traballadores de Alcoa a súa total colaboración para garantir a viabilidade da planta da Coruña

Santiago, 2 de decembro de 2014.-O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo este martes un encontro cos representantes dos traballadores da planta de Alcoa na Coruña, tras coñecer as medidas que a empresa anunciaba onte. Conde trasladoulles, xunto co director xeral de Enerxía e Minas, Angel Bernardo Tahoces, a total colaboración por parte da Xunta de Galicia para tratar de atopar unha solución que garanta a viabilidade da planta e salvagarde os postos de traballo.

Conde, que lembrou que se está a manter unha interlocución directa tanto cos traballadores, como co Ministerio e a empresa, escoitou as inquedanzas trasladadas polos empregados da planta tralas medidas anunciadas pola empresa e que afectarían ao mantemento do emprego. O conselleiro lembrou que o procedemento para optar a interrumpibilidade –un sistema que permite aos grandes consumidores de enerxía incrementar a súa competitividade- aínda non rematou, e que agarda “que todas as empresas electrointensivas poidan acceder a nova poxa a prezos que garantan a súa viabilidade e os postos de traballo de cara ao futuro”.

Neste eido o conselleiro lembrou que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo está a traballar nunha segunda poxa que dea resposta ás necesidades do tecido industrial e, polo tanto, “contribúa ao mantemento dos seus niveis de competitividade”. “O obxectivo é que o procedemento, establecido para garantir a concorrencia das empresas e non incurrir en axudas de estado, non poña en cuestión a viabilidade das empresas que optan a el”, subliñou o conselleiro. Así incidiu en que neste momento “a prioridade é que a poxa extraordinaria permita que Alcoa, e o resto de empresas, garanta a súa posición” e, de cara ao futuro, o sistema permita que as empresas manteñan a súa accesibilidade a unha enerxía a prezo competitivo”.

Exit mobile version