Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado o Orzamento 2015 do Consorcio de Bombeiros de Lugo, que supera os 5 millóns de euros

O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo vén de aprobar, no Pleno celebrado hoxe no Pazo de San Marcos, o Orzamento para o ano 2015, que ascende a 5.315.051 euros. Este orzamento reflicte un incremento con respecto ao do pasado ano, que consignaba para o servizo de emerxencias da provincia de 5.170.752 euros.

O Pleno deu luz verde a unhas contas que medran porque, tal e como destacou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, “imos facer inversións nas dotacións dos parques, mellorando os equipamentos empregados polos profesionais que prestan servizos”.

Trátase, en concreto, dunha achega por valor de 420.000 euros que se destinarán á compra de 4 novos equipos de excarceración; a adquisición de material de rescate en altura; de 66 novos equipos de telecomunicacións, e doutras melloras nas instalacións dos parques Barreiros, Chantada, Vilalba, Viveiro e Monforte de Lemos.

Precisamente no que se refire á mellora das dotacións dos parques, o Pleno tamén aprobou hoxe a adquisición dun camión nodriza (BNP) para o parque de Monforte de Lemos, por un importe de 236.000 euros, malia que neste caso o gasto xa estaba recollido nos orzamentos do 2014. Deste xeito, Monforte, que se incorporou á rede provincial algo máis tarde, contará tamén cun parque dotado de instalacións e material punteiros e de calidade.

Gómez Besteiro tamén quixo destacar a importante aportación económica que fai UNESPA (Gestora de Conciertos para la contribución a los servicios de Extinción de Incendios), por valor de 750.000 euros. Grazas a esta achega anual para o funcionamento dos seis parques comarcais da provincia, os lucenses benefícianse de diminucións nas primas dos seguros de incendios, xa que este aportación revirte en melloras deste servizo público, “un servizo profesional e moi próximo aos seus domicilios”, segundo subliñou Gómez Besteiro.

Renovación de cargos
Un dos puntos da orde do día da sesión plenaria celebrada este venres era a renovación dos titulares da presidencia e vicepresidencia do Consorcio, que serán exercida polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e Luis Menor Pérez, Director Xeral de Emerxencias de Galicia, respectivamente. Axutándose aos Estatutos do Consorcio, estes foron elixidos por unanimidade e exercerán por un período de dous anos.

O Consorcio de Bombeiros de Lugo, financiado ó 50% por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, e no que tamén participan os Concellos, é un exemplo de colaboración entre as Administracións co obxectivo de optimizar os recursos existentes e ofrecer aos cidadáns servizos cada vez máis eficientes.

Exit mobile version