Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobados de forma definitiva os orzamentos de Cervo para 2015 que “apostan polo emprego e os servizos de calidade sen subir os impostos”

Cervo, 11 de decembro de 2014- Os orzamentos de 2015 superaron o último trámite no pleno ordinario celebrado este xoves de forma que quedaron aprobados definitivamente. Un documento de moita importancia xa que nel establécese a xestión dos cartos municipais para o próximo ano.

Neste sentido, os presupostos para 2015 teñen como prioridade a creación e o fomento do emprego, seguindo a liña iniciada hai tres anos, cando se comezaron a ofrecer prácticas remuneradas para mozos titulados. Sen esquecer outras iniciativas como a formación dual, os obradoiros de emprego ou os cursos de formación, nos que é fundamental a colaboración da Xunta de Galicia.

Ao mesmo tempo, estes orzamentos son unha aposta polos servizos públicos, que se seguen prestando coa mesma calidade. Aínda así, o Concello mantén o seu compromiso de non subir os impostos do ano 2015, tal e como vén facendo dende o 2013. Cabe destacar tamén que o goberno local deixou a débeda a provedores a cero, de forma que as empresas e comercios que subministran ao Concello están cobrando ao día.

Alcoa
Na orde do día do pleno tamén se incluíu a aprobación provisional da modificación puntual das Normas Subsidiarias no ámbito no que se atopa Alcoa en San Ciprián. Un trámite necesario para regularizar a cualificación do solo no que se asenta a empresa de aluminio e darlle así unha estabilidade urbanística. Un trámite que contou co apoio unánime de toda a corporación.

Ao mesmo tempo, o grupo de goberno non pasou por alto a situación que vive a factoría, solidarizándose cos traballadores das plantas de A Coruña e Avilés e mantendo o seu compromiso de velar porque Alcoa San Ciprián manteña a súa actividade e os seus empregados.

Ademais, o grupo de goberno solicitou a colaboración da Deputación para o financiamento do campo de fútbol de herba artificial da Veiga, unha administración que ten colaborado con múltiples concellos na reforma, construción ou mantemento de diversas instalacións deportivas.

Neste caso ningún grupo da oposición apoiou esta proposta, un resultado que sorprendeu ao grupo de goberno xa que “se trataba de que a Deputación actuase cos veciños de Cervo igual que o fai cos veciños doutros concellos, e pedindo exactamente o mesmo que o Goberno Provincial deu a moitos outros municipios, nin máis nin menos”.

Exit mobile version