Site icon Crónica3.com A Mariña

Artesáns interesados en participar no vindeiro Mercado de Nadal de Ribadeo tralo bo peche da duodécima edición

Ribadeo, 9 de decembro de 2014. A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, valorou positivamente a asistencia de visitantes rexistrada durante a pasada ponte no XII Mercado do Nadal da vila. A edil recoñeceu que xa hai artesáns interesados en participar na vindeira edición e afirmou que con esta actividade “Ribadeo volveu converterse no punto de encontro entre veciños e comerciantes, impulsando e dinamizando o sector servizos”.

Para Ana Martínez, “de novo celebrouse o Mercado do Nadal en Ribadeo, nesta xa XII edición, que da arranque á tempada de Nadal. Unha actividade que coincidiu tamén nestas datas co acendido do alumeado destas festas, que este ano procuramos ampliar un chisquiño máis polas rúas. Destacar que neste 2014 a propia situación do mercado e das súas casetas, cambiou. O mercado trasladouse ás proximidades da praza de abastos, xa que houbo unha remodelación da zona e do propio edificio, e buscamos dinamizar tamén esta parte da vila, procurando que o comercio local poida tamén saír favorecido. Con este cambio de situación, tamén se levou a cabo unha modificación na propia estética das casetas, que esta vez foron de madeira, dando así un aspecto máis de nadal, e máis entrañable e apetecible para visitar o noso mercado”.

A edil nacionalista afirmou que “a pesares da auga que caeu, que foi moita durante toda a ponte, temos que dicir que Ribadeo estivo con moita xente estes días, tanto a nivel de visitantes no propio mercado, como a nivel da propia xente que acudiu a participar nas distintas actividades que se sucederon na vila. Creo que esas actividades das que a xente puido gozar foron moitas”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo dixo: “dende o noso Concello entendemos a importancia de dinamizar e de apoiar ao sector servizos, fundamental no noso municipio, e que nestes tempos duros debemos, se cabe máis, seguir impulsando e apoiando. Ademais dende o Concello de Ribadeo queremos valorar tamén que os 25 artesáns que participaron nesta feira en diferentes actividades, coma o coiro, o téxtil, as velas ou a alimentación, manifestaron xa o seu interese por participar no Mercado do Nadal en anos vindeiros, pois entenden que Ribadeo é un punto importante nas súas vendas durante todo o ano. E para rematar, agradecer o seu traballo a todos os que colaboraron nas actividades facendo posible de novo que Ribadeo fose un punto de encontro para moitas e moitos dos nosos veciños, tanto galegos coma asturianos”.

Exit mobile version