Esta tradicional Carreira de Reis volve a escena grazas á implicación de varios hostaleiros de Barreiros (Café Moderno e Hotel Ría do Masma), da Peña Barcelonista de San Miguel de Reinante, de Actiboot e do Club Deportivo Praias de Barreiros. A área de Benestar e Deporte da Deputación colabora co organización. “Apostamos por este tipo de iniciativas deportivas populares e por recuperar unha carreira que foi pioneira en Barreiros e que no seu día foi unha das máis importantes de toda A Mariña”, salientou Antonio Veiga. Ademais, bromeou coa data escollida. “Está xa na recta final das festas do Nadal, así que a moitos seguro que lles serve para quitarse de enriba os excesos propios destas datas”, afirmou.
O responsable de Deportes da Deputación sinalou ademais a importancia de recoñecer a figura de El Che, “un dos corredores con mellor palmarés e máis coñecidos na Mariña e en Asturias, xa que el é natural de Cangas del Narcea, pero sempre estivo moi vinculado a San Miguel de Reinante ao ser a súa familia materna de aquí e onde reside desde hai 15 anos”, apuntou o vicepresidente provincial.
Veiga avanzou que as carreiras das categorías inferiores comezarán ese día 4 de xaneiro ás 11 horas, mentres que a saída de de adultos darase ás doce do mediodía. As distancias serán diferentes en cada categoría, polo que se establecerán circuítos para cada unha delas. A proba de adultos, con saída e chegada no campo barreirense do Cascabeiro, terá un percorrido de 12 quilómetros.
Límite de inscrición e prezos
A data límite para anotarse nesta competición será o 2 de xaneiro. A inscrición para os nenos será gratuíta, mentres que os adultos deberán pagar 5 euros. A maiores, a organización ofrece a opción de combinar inscrición e comida. Deste xeito, aqueles adultos que decidan apuntarse á comida posterior á carreira impulsada pola organización deberán aboar 10 euros. No caso dos pequenos, o prezo ascende a 5 euros. O prezo da camiseta conmemorativa da carreira é de 10 euros. Os encargos, a inscrición e a consulta de máis información pode realizarse a través da web carreirapopulardereis.jimdo.com ou no número 625 821 044.