Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro anuncia medidas contundentes para esixir Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica

Lugo, 17 de decembro de 2014.- O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este mércores unha batería de medidas para esixir Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica no hospital de Lugo, e que o PP e a Xunta saiban “que coa saúde dos lucenses non se xoga”.

O que fixo onte o PP no Parlamento de Galicia, “ao baleirar de contido e compromiso a ILP” asinada por máis de 41.000 lucenses, “é absolutamente impresentable e non o vamos a aceptar. Non vamos a parar, non nos vamos a deter, non nos van a esgotar na reivindicación dun servizo totalmente necesario. Reaccionaremos con toda a contundencia que nos permite a democracia e comprometerémonos con todo tipo de iniciativas para que non se consume esa burla aos lucenses, e que teñan os mesmos servizos e atencións que o resto dos galegos”.
“Con Feijóo e Castiñeira, o seu representante en Lugo, os cidadáns de Lugo estamos condenados”, aseverou. “Non é cuestión de cartos, é cuestión de vontade política e compromiso. Que non se escuden niso porque os vamos a desenmascarar”, engadiu Besteiro.

De maneira inmediata, o Presidente anunciou que levará unha moción ao vindeiro pleno da Deputación e impulsará mocións tamén en todos os concellos da provincia. “Vamos a obrigar a todos os concelleiros, sexan do PSdeG, do BNG, independentes ou do PP a que se retraten diante dos seus veciños para saber se están a favor ou en contra destas reivindicacións”, subliñou, ao tempo que avanzou que en xaneiro “virán outro tipo de medidas de alto alcance porque non nos vamos quedar soamente na protesta e na discusión”.

Neste senso, recoñecendo que o organismo provincial non ten competencias en materia de Sanidade, o Presidente avanzou que “hai medidas alternativas propiamente da Deputación ou sumando a outros actores nesta reivindicación e na busca de propostas. O mundo da investigación e a innovación, unha parte fundamental do Campus Universitario, debe xogar unha parte importante neste traballo”.

“A Xunta e Feijóo saberán que a inmensa maioría dos lucenses non van a tragar coa discriminación que lles plantexa o PP neste asunto. Queremos que os lucenses teñan a mesma atención e servizos que os veciños doutras provincias porque estamos no 2014, non na Idade Media”, recalcou.

Exit mobile version