Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro insta a Feijóo a “facer valer o peso que di ter no PP” para que o Senado aprobe un plan de emprego para Galicia por 50 millóns de euros

Lugo, 01 de decembro de 14. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, dixo hoxe que Feijóo “ten unha oportunidade extraordinaria de facer valer o peso que di ter en España e no PP”. Sinalou que depende do presidente galego que o PP vote no senado, o próximo xoves, unha emenda apoiada polo PSOE a nivel estatal para destinar 50 millóns de euros a un Plan de Emprego para Galicia.

O líder socialista reclamoulle a Feijóo que aproveite esta semana para “falar cos senadores galegos e españois” e utilizar a súa suposta influenza para que aproben esta emenda “non en favor dos socialistas senón en favor de Galicia”. Sinalou que estas iniciativas son as que lle preocupan aos cidadáns, polo que instou a que “sexamos capaces de sumar con políticas nas que todos esteamos de acordo”.

Feijóo o ten “ben fácil”, dixo, para “entre rolda de prensa e rolda de prensa, entre conferencia nun lado e noutro, ter un momento para pararse esta semana, chamar aos senadores galegos e dicirlles que voten que si a esta emenda”. O obxectivo, explicou, é encetar un plan de 50 millóns de euros para impulsar o emprego da mocidade, mulleres e desempregados maiores de 45 anos.

Lembrou que a proposta xurde do remate en 2013 do Plan europeo para as rexións Obxectivo Converxencia, no que Galicia, Castela – A Mancha, Andalucía e Estremadura percibían fondos por ser obxectivo prioritario. A partir de aquel momento tanto Galicia como Castela – A Mancha desapareceron do reparto de fondos comunitarios por un “criterio político exclusivamente marcado polo PP e por Rajoy en Madrid”.

Ante esta situación de “clara discriminación”, os socialistas presentaron unha emenda ao trámite dos orzamentos no Senado cunha partida de 50 millóns de euros para impulsar o emprego nos colectivos mais desfavorecidos en Galicia e Castela – A Mancha.

Barreiro

O coordinador dos senadores socialistas galegos no Senado, Ricardo Varela, advertiu que “para que esta proposta sexa aprobada Feijóo tense que dirixir ao portavoz do Grupo Popular no Senado, o lugués José Manuel Barreiro”.

Dixo que “entre Feijóo e Barreiro está a solución de aprobar 50 millóns de euros para Galicia”, polo que reclamoulle ao presidente galego que “faga valer a disciplina interna que ten que ter con tódolos seus afiliados, e tamén co portavoz do PP no Senado.

Sinalou que esta emenda “é de xustiza, porque supón repoñer nas políticas do Estado os criterios cos que a UE manda os cartos para España” a través do Fondo Social Europeo para axudar ás rexións que estean por debaixo da media do PIB. Puntualizou que “non ten sentido que comunidades autónomas como estas teñan un Plan de Emprego e Galicia e Castela – A Mancha non o teñan.

Exit mobile version