Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Sanmartín e Lois Pérez, protagonistas do III Festival de Humor “Rir, por non chorar” de ADEGA

Lugo, a 5 de Novembro de 2014. ADEGA anuncia que o vindeiro venres 12 de decembro se celebrará en Lugo o III Festival de humor “RIR, POR NON CHORAR” ás 20.30 horas, no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos).

O III Festival de Humor “Rir por non Chorar” será cita nun mesmo espazo da defensa da Natureza e o Humor. A través deste festival queremos facer reflexionar ao público asistente sobre a importancia da conservación do medio natural e do noso patrimonio histórico cultural, ligados fortemente á nosa identidade, patrimonio material e inmaterial e como non, ao noso humor e retranca.

Os artistas convidados desta volta serán o lalinense Celso Sanmartín e o lucense Lois Pérez, que se encargarán de facernos “rir, por non chorar” desde a súa análise irónica e retranqueira de como se está a xestionar o territorio galego, nomeadamente, o medio natural.

O acto enmárcase dentro do proxecto Cultura e Territorio de ADEGA, co que colabora Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, e que ao mesmo tempo se desenvolve dentro da Campaña “Ponte no medio. Móvete polo Territorio”, a prol dunha ordenación territorial sustentable.

PARA PODER ASISTIR
As persoas interesadas en asistir como público ao Festival terán que recoller con antelación as entradas de balde desde o próximo martes nas dependencias da Área de Cultura da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos), en horario de 9 a 15h; ou no local de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas 180, Entrechán) de 10 a 14h ou de 16:30 a 18:30h.

Poderanse entregar 2 convites por persoa.

Exit mobile version