Cervo, 13 de decembro de 2014- O Concello de Cervo pon en marcha a segunda campaña de compra colectiva de árbores para veciños e veciñas do municipio. Unha iniciativa coa que a administración quere seguir fomentando as plantacións máis alá dos terreos municipais, poñendo especial énfase nas autóctonas. De feito, pódese elixir entre máis de 80 especies de plantas forestais, froiteiras e ornamentais.
O prazo para facer as solicitudes ábrese o próximo luns día 15 e manterase ata o 15 de xaneiro. Para iso, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello de Cervo, onde lles facilitarán a folla de pedidos e a listaxe de todas as especies dispoñibles. Cabe destacar que ao tratarse dun encargo conxunto os prezos das plantas serán máis asequibles que nas compras individuais.
Unha acción que se desenvolve xunto a unha empresa de xardinería para “dar facilidades a la hora de crear pequeñas plantaciones domésticas favoreciendo un entorno verde en nuestro municipio”, asegura a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso. Ao mesmo tempo, esta iniciativa tamén vai encamiñada á valorización do entorno e da riqueza natural, especialmente con árbores de especies atlánticas tal e como vén facendo en parcelas públicas como a Escarabelada, onde se teñen plantado milleiros de árbores a través de numerosas accións de reforestación, así como en montes comunais coa colaboración das asociacións.