Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo lémbralle á Deputación que a seguridade viaria “non pode depender da sorte”

Cervo, 9 de decembro de 2014- O Concello de Cervo reivindica unha vez máis a importancia de que a Deputación “cumpra coa súa obriga e remate os accesos ao polígono de Cuíña”. Unhas declaracións feitas polo edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, nun día no que de novo un camión de grande tonelaxe tivo dificultades para chegar a unha nave do polígono.

Neste caso o condutor, de nacionalidade romanesa, dirixíase ao parque empresarial dende a N-642 pero equivocouse e entrou por Espiñerido. O maior problema atopouno ao remate da vía, que conecta co polígono a través dunha ponte moi estreita pola que non collen os camións.

Desta maneira quedou atrapado ao non poder continuar de fronte pola ponte pero tampouco manobrar para dar volta. Así, tivo que agardar pola chegada dunha cabeza tractora que o axudase. Por sorte ese foi o maior problema pero a situación puido ser moito máis perigosa xa que o camión parou a escasos metros dunha pendente que leva á vía do tren.

Soto lamenta que “teñamos que depender da sorte para que estes incidentes só queden niso, en problemas de circulación, en retrasos á hora de levar as mercancías ao seu destino ou en sustos para os condutores e incluso para os veciños, que a cada pouco atopan camións atrapados preto das súas casas e que ata se prestan a axudalos”. Pero o edil asegura que “non podemos deixar a seguridade viaria en mans da sorte”.

Neste sentido o responsable de Seguridade Cidadá lembra outro caso recente, con consecuencias máis graves, dun condutor que tivera que ser ingresado no hospital despois de envorcar mentres buscaba o polígono por estradas e camiños non axeitados para vehículos de grande tonelaxe “a falta duns accesos directos”.

“Por iso non nos cansamos de lembrarlle á Deputación que ten que cumprir coa súa obriga de rematar os accesos ao polígono. Porque esta non é unha cuestión política, senón de seguridade viaria, e tamén de dinamización económica e empresarial”, engade Soto. O edil explica que o anterior goberno da Deputación xa iniciara as obras, avanzara na explanación e rematara a expropiación de moitos dos terreos.

Exit mobile version