Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo reparte 3.750 euros entre os tres centros educativos do municipio

axudas-colexiosCervo, 22 de decembro de 2014- O Concello de Cervo entregou hoxe os cheques coas axudas aos tres centros educativos do municipio, entre os que repartiu 3.750 euros. Os beneficiarios son o CEIP Cervo, o CEIP Cervo nº1 e o IES Marqués de Sargadelos, que recibiron 1.250 euros cada un.

Trátase dunha subvención de apoio á educación, de forma que os centros poden destinar os importes á posta en marcha de actividades culturais, recreativas ou de calquera tipo, sempre que redunden en beneficio da comunidade escolar. Ao mesmo tempo, tamén poden ir dedicados a gastos de funcionamento, conservación, mantemento e reparacións menores.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Pilar Armada, entregaron os cheques aos representantes dos centros desexando “contribuír con eles na dinamización do ensino a través dunha subvención que entregamos todos os anos”, sen esquecer ademais a liña aberta de colaboración que mantén o Concello cos colexios e o instituto de forma que financia obras e actividades sempre que os centros o requiren.

Ao mesmo tempo, a edil destaca que “traballamos durante todo o ano para tentar abarcar todos os aspectos que permitan mellorar o ensino”. Desta forma, lembra as axudas ás ANPAS entregadas hai uns días como unha colaboración máis ás entidades educativas, sen esquecer a subvención para material escolar e libros para as familias, ou a de transporte escolar, que se entregará esta mesma semana.

Armada menciona tamén as numerosas actividades que se poñen en marcha para público infantil, como é o caso da Ocioteca (todos os sábados durante o curso escolar), ou os Enredos (nos períodos de vacacións), que mesturan a vertente lúdica coa aprendizaxe e que constitúen un complemento á educación.

Exit mobile version