Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña denuncia a derivación de doentes da sanidade pública da comarca a Lugo

A Mariña, 18 de decembro de 2014.- Cando se anunciou a integración do Hospital da Costa en Lugo, co rexeitamento da cidadanía, do persoal sanitario e deste sindicato nacionalista, dende o SERGAS e o Partido Popular aseguraron que o modelo de Xestión Integrada achegaría a sanidade ás mariñás e aos mariñaos e evitaría desprazamentos innecesarios a Lugo. A realidade hoxe é ben distinta e “cada vez máis usuarios e usuarias da sanidade pública da Mariña vense obrigados a viaxar a Lugo para realizar probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas”, denuncian.

Até o de agora, para realizar determinadas probas diagnósticas, endoscopias e de cardioloxía, o doente ingresaba no Hospital da Costa, ía realizar a proba ao HULA, e regresaba de novo ao noso hospital, onde se completaba o proceso até o momento da alta hospitalaria. Agora, para realizar estas probas, “obrígano a ingresar directamente no hospital lucense, para evitar o gasto de ambulancias. Deste xeito o paciente costea o desprazamento e arrastra a súa familia durante os días que permanece ingresado”, afirman.

Ecoendoscopias
Así está a ocorrer cos/coas doentes que teñen que realizar unha CPRE (colangiopancreatografía retrógrada endoscópica), procedemento para examinar as vías biliares a través dun endoscopio, que se ven na obriga de permanecer varios días ingresados/as no Hospital de Lugo até que son dados de alta.

Probas de Cardioloxía sen data
O mesmo acontece no caso de probas de cateterismo que ata fai pouco, ingresaban no hospital de Burela e agora son convidados a ingresar directamente no hospital de Lugo.

Á derivación dos/as doentes tanto ao HULA como aos centros privados, hai que engadir á permanente falta de cobertura do persoal especialista en diversas unidades e os atrasos e incremento das listas de agarda que isto supón.

No caso de Cardioloxía, primeiro, produciuse a falta total de cardiólogos, provocando o colapso do servizo. A esta situación hai que sumar as ata o de agora, axendas pechadas sen data para realizar calquera proba de cardioloxía no Hospital da Costa (Ecocardios e Probas do esforzo).

Resonancias magnéticas no POLUSA
A progresiva substitución da sanidade pública en favor da sanidade privada queda demostrada na recente comunicación que o EOXI de Lugo, Cervo e Monforte enviou o persoal administrativo dos centros de saúde da Mariña respecto o “Protocolo do Xeonllo”, onde “deberán ofertar e dar preferencia ao servizo no POLUSA, pedíndolles que de forma verbal comuniquen unha atención máis rápida que a prestada pola unidade móbil que de vez en cando se achega ao Hospital da Costa, e obrigándolles a tramitar dende a sanidade pública a xestión da citación para o centro privado”, denuncian dende a CIG Saúde A Mariña.

Ortopantógrafo e densitometrías
A isto, temos que sumar os desprazamentos á capital para realizar densitometrías óseas e panorámicas dentais, pola falla de vontade das Xerencias para dotar á unidade de radioloxía do noso hospital destes aparellos de reducido costo.

Sen especialista de saúde laboral
Xunto a isto, dende o xoves 4 de decembro, o Hospital da Costa queda sen médico especialista en Saúde Laboral. Dende a EOXI de Lugo-Cervo-Monforte non cobren a ausencia, limitándose a bloquear a axenda de citación.

Servizo de uroloxía a mínimos
O servizo de uroloxía do Hospital da Costa tamén queda a mínimos pola ausencia dunha especialista en uroloxía o que está a provocar descitacións nas consultas e aumento das listas de agarda, co trastorno que causa para a cidadanía da Mariña.

Dende CIG Saúde A Mariña denuncian que as políticas sanitarias do PP na Mariña, en contra do anunciado, lonxe de acercar a sanidade ás mariñás e mariñaos provoca un aumento de derivacións aos hospitais privados de Lugo, primando o aforro económico sobre a calidade asistencial e cargando sobre a cidadanía e as súas familias o custe da viaxe e os longos desprazamentos ao mesmo tempo que enchen os petos das empresas privadas sanitarias amigas.
O sindicato nacionalista esixe a cobertura de todas as ausencias do persoal en aras dunha atención sanitaria pública de calidade e de proximidade.

Exit mobile version