Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña denuncia o colapso do servizo de anatomía patolóxica

CIG Saúde A Mariña denuncia a política de recortes en recursos humanos seguido pola xerencia de xestión integrada no Hospital da Costa.

Os recortes en persoal chegan agora ao Servizo de Anatomía Patolóxica, un servizo xa de por si deficitario de persoal, no que dous facultativos especialistas en anatomía patolóxica viñan asumindo a carga de traballo que segundo ratios lle correspondería a tres e unha dotación insuficiente de Técnicos en Anatomía desbordados de traballo, algo que dende fai tempo “vimos denunciando e que supón a imposibilidade de sacar para adiante as probas diagnósticas que día a día ten que asumir este servizo”.

As consecuencias inmediatas son un retraso tanto na realización das probas coma no resultado das mesmas, podendo incluso chegar a paralizar as intervencións cirúrxica.

Dende CIG Saúde afirman que este novo recorte adquire especial relevancia, pois hai intervencións cirúrxicas que, ben sexan urxentes ou de carácter programado, poden requirir biopsias inmediatas durante a intervención, motivo imperioso para cubrir á segunda praza.

Por outra banda esta falta de cobertura do facultativo estaba prevista dende hai mais de 4 meses e non foi atendida a pesares de ser demanda polo propio Servizo e polas alarmas dos facultativos do centro que anunciaban un colapso inminente no caso de non cubrirse a vacante coñecida. Agora dirán que non hai especialistas dispoñíbeis pero o que se esconde detrás disto é a falla dunha Dirección médica dende fai seis meses, a ausencia do Xerente que se atopa de vacacións e a perda absoluta da autonomía propia deste Hospital ao pasar a ser gobernados dende Lugo.

Esta obsesión do aforro polo aforro sen medir as consecuencias sobre a saúde da cidadanía, debería substituírse por atender e valorar infinitamente máis as necesidades de profesionais, e reforzar un Servizo de apoio ao diagnóstico de importancia vital como é o de Anatomía Patolóxica, “do que depende parte da actividade doutros servizos do hospital e en aspectos tan sensibles como a detección precoz de enfermidades oncolóxicas, o diagnóstico de tumores para o seu correcto tratamento, a vía rápida para a detección do cancro, citoloxías……..”.

Dende CIG Saúde A Mariña esixen a cobertura inmediata desta praza, a dotación necesaria de persoal no Servizo de Anatomía e mostran o seu rexeitamento expreso á actuación da Xerencia neste caso concreto, e en xeral, á súa política de aforro e recortes custe o que custe que tanto prexudica ao coidado da saúde da poboación da Mariña.

Exit mobile version