Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinema no Cenima e música na Sala Bahía, na programación cultural do Concello de Foz

FESTIVAL ASILO FOZ 2014Foz, 17 de decembro de 2014.- Foz acollerá esta semana tres actividades lúdicas englobadas dentro da programación organizada pola área de Cultura do Concello para o mes de decembro. Os actos comezarán o xoves 18 coa proxección da película Le Week-end ás 20:30 horas no Cenima. O sábado 20 celebrarase o Festival en Beneficio do Asilo de Anciáns de Foz a partir das 18:30 horas na Sala Bahía. E xa o domingo, 21 de decembro, no mesmo local e horario levarase a cabo o XII Encontro de Canto Coral de Nadal.

Dende a Concellería de Cultura de Foz informan que a proxección da comedia romántica Le Week-end forma parte do ciclo de Cinema no Cenima, que se leva a cabo neste mes de decembro no municipio, grazas ao apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O prezo para poder acceder á proxección deste filme será de 3 euros por entrada e os tíckets poderán adquirirse na propia porta do Cenima dende media hora antes do comezo da película. A cinta foi unha das máis demandadas polos veciños para ser proxectada neste ciclo e ten como argumento a volta dunha parella británica a París, anos despois da súa lúa de mel, para intentar revitalizar o seu matrimonio.

Por outra banda, o festival benéfico a favor do asilo de anciáns, que se levará a cabo o sábado 20, na Sala Bahía, contará coa presenza de diferentes agrupacións musicais e de animación. Serán o grupo O Feitizo, o coro infantil da Escola de Música de Foz, o grupo de teatro A Adala, a asociación folclórica Andaravío, o grupo de saxos da Escola de Música de Foz e o Mago Joge.

Os actos culturais desta semana rematarán o domingo 21 coa celebración do XII Encontro de Canto Coral de Nadal, no que participarán o Coro Parroquial Virxe da Peregrina de Cordido, o Coro Parroquial de Cangas, o Coro Os Castros, tamén de Cangas; o Coro Parroquial de Foz, o Grupo Mar Aberto e a Coral Polifónica de Foz. O encontro levarase a cabo a partir das 18:30 horas, na Sala Bahía.

Exit mobile version