Está claro que aumentar a representación cidadá no goberno dun pobo enriquece as posibilidades de evolución positiva, sempre e cando, claro está, cada un deses representantes faga o que ten que facer, e facer o que se debe non depende das ordes do partido ou do que diga aquel ou o outro, senón dunha conciencia clara de responsabilidade de traballo e vontade de progreso, e dunha actitude de comunión e de crítica constructiva que tivemos en Ribadeo desde o 2011, incluso a pesar de que os poderes ideolóxicos de cada partido terciaran para a división e a desunión nos obxectivos comúns.
Ningunear o apoio que para o bo facer social veñen prestando tódolos concelleiros e concelleiras no pazo de Ibáñez, e suliñar o solipsismo de poder como garantía de servizo exitoso supón desdecir os signos dos tempos e augurar un salón convulso e de confrontacións lineais en función da bandeira ou do pendón correspondente. O cambio social debe ser levado a cabo porque supón dar resposta directa á crisis global que trouxeron as estruturas decimonónicas aínda vixentes.
Con sete basta! seguro, e con un tal vez tamén, pero a idea que subxace no cambio político que se aveciña supón dar a posibilidade a máis voces e esas voces terémolas que elixir entre todos, exercendo así o dereito e ó deber de participación inherente á condición de cidadán que, a fin de contas é o principio que non pode ser posto en dúbida.
Manuel Yáñez Dablanca
Concelleiro en Ribadeo.