Lugo, 12 de decembro de 2014. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, anunciou este venres que a primeira edición do primeiro Concurso Postal do Nadal Dixital organizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo recibiu máis de 300 deseños chegados dende 18 centros educativos de toda a provincia de Lugo. “Unha vez rematado o prazo de entrega das postais dixitais, que tiñan que estar relacionadas con distintos campos como a cultura, o turismo, o benestar ou o deporte, non podemos máis que felicitarnos pola boa acollida que tivo entre o alumnado lucense, xa que foron máis de 300 as alumnas e alumnos que se animaron a participar”, indicou Mario Outeiro.
O delegado provincial de Cultura e Turismo explicou que “o vindeiro luns levaremos a cabo a escolla dos traballos gañadores en cada categoría e todo o mundo está convidado á entrega de recordos a todos os participantes e dos premios ás mellores, que se levara a cabo ao longo da vindeira semana e que, ademais, contará cunha actuación cultural”, indicou Outeiro. A reunión do xurado comezará ás 10.30 horas no Museo Provincial e agárdase que os premiados se coñezan ao redor das 14.00 horas.
Este concurso estaba dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos que cursen os seus estudos nalgún dos centros de Primaria e Secundaria da provincia lucense. Baixo o título ‘Nadal na nosa provincia’, as creacións que se enviaran deberían ter en conta o Nadal dende o punto de vista da cultura, o turismo, o benestar ou o deporte. Cada participante puido elixir individualmente a temática e tivo que achegar co debuxo unha breve explicación do porqué da súa elección.
Contido orixinal, en galego e prazo de presentación
O contido do debuxo debía ser orixinal e inédito; de técnica libre, sempre que se presentase en formato dixital; e en canto ao idioma será obrigatoriamente en galego. “O obxectivo era fomentar a participación, os valores de convivencia e a expresión artística das nosas tradicións, cultura e deporte”, sinalou Outeiro.
Tres categorías en función das idades
O concurso divídese en tres categorías, tendo en conta as idades dos participantes. Para cada franxa de idade establecéronse diferentes premios e todos os participantes recibirán un diploma alusivo á súa participación. A primeira categoría abranguerá aos nenos e nenas dende os 4 aos 6 anos. O autor ou autora da mellor postal será obsequiado cun xogo didáctico, un pendrive, un lote de libros, un suadoiro, lapiseiros de cores e material divulgativo. O segundo levará un pendrive, un lote de libros e lapiseiros de cores. Pola súa banda, o terceiro recibirá un pendrive e lapiseiros de cores.
Na segunda categoría participan os nenos e nenas entre os 7 e os 9 anos. O primeiro premio consistirá nun pendrive, un lote de libros, un suadoiro e material divulgativo; o segundo nun pendrive, suadoiro e material divulgativo da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo; mentres que o terceiro comporase dun pendrive e material divulgativo.
Finalmente, na terceira categoría compiten as postais dos estudantes dende os 10 aos 14 anos. O autor ou autora da mellor levará un pendrive, un lote de libros, un suadoiro e material divulgativo; o segundo un pendrive, un lote de libros e material divulgativo; mentres que o terceiro será obsequiado cun pendrive e material divulgativo.
Premio especial á mellor postal
A mellor postal do Nadal recibirá un premio especial (non poderá recibir outro premio na categoría á que pertenza) que premiará tanto ao autor ou autora como a todos os seus compañeiros de curso do seu centro. O premiado será obsequiado cunha tablet de última xeración, un pendrive, un suadoiro e material divulgativo. A maiores, as compañeiros e compañeiros do mesmo curso e centro (incluiranse todas as clases que pertenzan a ese curso: A, B, C,…) do gañador ou gañadora serán agasallados cunha viaxe cultural pola provincia de Lugo, con todos os gastos pagados: transporte, almorzo, actividades, etc.). Así mesmo, a postal gañadora será a tarxeta coa que a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo felicitará estas festas do Nadal.
Todos os traballos presentados serán expostos na páxina web da Vicepresidencia Primeira dende o día 18 ata o 22 de decembro, ambos os dous días incluídos. As postais podían ser con ou sen animación, pero en ningún caso podían pesar máis de 1MB.
Centros participantes
Esta é a relación de centros educativos da provincia que, cando menos, enviaron unha proposta ao concurso:
CEIP Veleiro do Campo (Outeiro de Rei)
CEIP Menéndez Pelayo (Lugo)
IES Illa de Sarón (Xove)
CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros)
CEIP Francisco Daviña Rey (Monforte)
CEIP As Nogais
CEIP Juan Rey (Lourenzá)
CEIP A Gándara (Monforte)
CEIP Vista Alegre (Burela)
CEIP Rosalía de Castro (Lugo)
CEIP A Ponte (Lugo)
CEIP Bretoña (A Pastoriza)
IES Anexa (Lugo)
CEIP Cervo
CEIP Láncara
CEIP Casás (Lugo)
CEIP Insua Bermúdez (Vilalba)
CEIP San Cosme de Barreiros