González Barcia explicou que “hai uns momentos vimos de rematar unha xuntanza do padroado da Fundación Expomar, que se celebrou aquí no Concello, e que tiña tres puntos importantes na súa orde do día. O primeiro deles era facer un resumo da misión comercial que a Xunta de Galicia levou a cabo na Feira Expomar en Cabo Verde este ano, en concreto no mes de outubro, e na que participou de forma activa a Fundación Expomar”. Para o rexedor burelés “a conclusión que sacamos é que nesta liña de actuación a Fundación Expomar debe seguir a colaborar coa Xunta de Galicia. Este ano foi a segunda ocasión na que participamos coa Xunta, e nese sentido, non se descarta que para 2015 haxa unha presenza máis forte, tanto da propia Fundación Expomar, coma do Concello, intentando dinamizar ás empresas que están interesadas en abrir canles de negocio en Cabo Verde. Non só as de aquí de Burela, senón tamén todas aquelas que poidan estar situadas na zona e queiran abrir canles de negocio alí”.
Na xuntanza da Fundación Expomar: “outro asunto que foi tratado é o referente ao plan de actuación do próximo ano 2015, no que basicamente está integrada unha nova edición da feira náutico pesqueira Expomar. Nese sentido, como xa se sabe, as datas xa están sinaladas. Vai ser o terceiro fin de semana de maio, en concreto os días 14,15,16 e 17. Un bo número de expositores que xa estiveron presentes en anos anteriores, teñen xa confirmada a súa presenza na edición de 2015 da feira Expomar. Todo apunta a que se van cubrir as expectativas que tíñamos, ou a que polo menos se van chegar a igualar ao nivel que tivemos no ano pasado, no 2013”. O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expoñar subliñou que “a vindeira edición de Expomar está xa andando e que a partir das próximas festas de Nadal, xa en xaneiro, será cando realmente comece a pisarse o acelerador a fondo para ir cerrando cuestións e aspectos vinculados con esta nova edición da feira Expomar, na que unha vez máis tamén coincidirán a celebración dos encontros profesionais e das xornadas técnicas”.
Por outra banda, o alcalde e varios membros do equipo de goberno, mantiveron hoxe unha xuntanza cos xubilados do mar no seu local A Moncloa, onde falaron da feira Expomar e doutras cuestións relativas ao sector pesqueiro.