Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz celebrará o 5 de xaneiro a tradicional cabalgata de Reis con desfile de maxestades e chocolatada final

Foz, 19 de decembro de 2014. A Delegación de Cultura do Concello de Foz acaba de presentar o seu programa de actos para celebrar a chegada dos Reis Magos nos vindeiros días 4 e 5 de xaneiro do novo ano. O domingo 4 haberá un concerto de música vocal a cargo do grupo Son de Nós. Será a partir das 20.00 horas na igrexa de Foz. Xa o luns 5, véspera do día de Reis, celebrarase na vila a tradicional Cabalgata con saída da praia da Rapadoira ás 19.00 horas. Nela poderán participar tódolos nenos menores de 10 anos que vistan de pastor ou con traxe rexional e sexan inscritos polos seus pais previamente na Delegación de Cultura do Concello de Foz. Os cativos poderán subir ás carrozas dos Reis para percorrer nelas o traxecto que discorrerá polas rúas do municipio, ata chegar finalmente ao belén vivente instalado na Casa do Concello. Ao remate, haberá churros con chocolate e roscón de Reis no patio do Colexio Nº1 para tódolos participantes na Cabalgata.

Dende a Delegación de Cultura do Concello agradecen o apoio a tódolos colaboradores que participan na organización desta Cabalgata de Reis 2015, e doan voluntariamente os seus produtos para facer posible a chocolatada final. Entre eles están o Colexio Nosa Señora do Pilar, o Colexio Público Nº1, a asociación cultural A Subela, O Feitizo, a asociación Andaravío, Pastelería Anduriña, Pastelería Amarena, Pastelería Xoyma, Pastelería Obradoiro, Panadería Bahía, Panificadora del Eo, Churrería Pereiras e os supermercados Familia.

Exit mobile version