Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz Plataforma de Futuro recórdalle ó alcalde que “o número de parados aumentou nesta lexislatura en 37 persoas”

Non se pode entender como o Alcalde de todos os focenses pode utilizar os datos do paro de unha maneira tan torticeira faltando á verdade aos veciños de Foz.

Fai uns días nunha entrevista cun medio de comunicación escrito fixo unhas declaracións para valorar a sua acción de goberno e enunciou como logro que durante o seu mandato conseguiu baixar o paro no municipio de Foz, cousa que é rotundamenta falsa se nos remitimos aos datos oficiais:

Paro rexistrado en Xunio de 2011 en Foz (comezo da lexislatura): 619 parados.

Paro rexistrado a Novembro de 2014 en Foz: 656 parados.

Fonte: UGT-Lucense (datos recollidos das oficinas de emprego da Xunta de Galicia) É dicir, o número de parados aumentou nesta lexislatura en 37 persoas.

“Foz, Plataforma de Futuro”, xa anunciou que estará atento a todo tipo de manipulación á cidadanía, estas actitudes son cousas do pasado e os políticos non poden nin deben de faltar á verdade aos veciños que representan.

Por todo o exposto, pedimos ao Alcalde de Foz unha rectificación e animámolo a que opte por unha senda alternativa á do seu partido que non é outra que a de empobrecer ás clases medias e baixas en beneficio dos seus intereses, con reformas económicas que oscurecen o futuro dos nosos xóvenes.

Exit mobile version