Site icon Crónica3.com A Mariña

García considera “un insulto aos veciños” que o PP solicite un Pleno extraordinario para a estrada de Marco de Álvare, cando é coñecedor de que as obras foron paralizadas pola inoperancia da Xunta

RIOTORTO, 11 DE DECEMBRO DE 2014.- Os socialistas de Riotorto consideran “un insulto aos veciños” que o Partido Popular solicite a convocatoria dun Pleno extraordinario para demandar á Deputación que proceda á reanudación das obras da estrada que comunica as localidades de As Rodrigas con Marco de Álvare. Para o voceiro do PSOE neste municipio –José García- a iniciativa dos populares “carece de sentido e perde todo o seu valor”, pois son coñecedores de que a ausencia de permisos da Xunta foi a que obrigou á institución provincial a paralizar temporalmente os traballos.

Por este motivo, cualifica de “indignante” e de “pouca calidade democrática” esta petición. E é que durante os máis de vinte anos que “tiveron as rendas do concello”, o arranxo desta vía foi prometido publicamente polo PP en cada proceso electoral; un compromiso que “xamais foron capaces de levar a cabo”. Neste senso, considera que “o PP lle tería que estar agradecido á Deputación e ao seu Presidente”. “Durante máis de dúas décadas anunciaban unhas obras que nunca se fixeron ata que o Partido Socialista chegou á Deputación. Isto demostra o pouco respeto institucional que teñen e que intentan facer unha batalla política, na que eles son os únicos perdedores”, afirma.

Deste xeito, subliña que o que persegue o Partido Popular con dita solicitude é “intentar enturbiar a xestión da Deputación”, xa que existe unha vía alternativa, “perfectamente sinalizada e acondicionada” e ademais, en canto a climatoloxía o permita, a empresa procederá á aplicación de aglomerado en quente no treito da calzada que xa está executado, e que non está afectado “pola inoperancia da Xunta”.

Porén, pídelle aos edís do PP “que se ocupen doutros asuntos e que non usen a estrada para tapar outras outras carencias e recortes dos seus compañeiros na Xunta como é o caso da praza do médico”. “Hai que ter máis dignidade política. O que non pode facer o Partido Popular é intentar lavar os trapos sucios doutras casas cando ten ben que facer na súa”, conclúe.

Exit mobile version