Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz pide no Congreso que os beneficios obtidos pola actividade do porto de San Cibrao revirtan na provincia

Madrid, 16 de decembro de 2014.- A deputada socialista lucense Margarita Pérez Herraiz rexistrou no Congreso unha Proposición non de Lei coa que insta o Goberno a que promova “que a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao asine convenios cos concellos da Mariña Lucense e con Portos de Galicia para contribuír ao desenvolvemento económico e social da zona e así compense os beneficios que obtén pola actividade do porto de San Cibrao”.

Pérez Herráiz sostén que “o Porto de San Cibrao desenvolve unha importante actividade que xera á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao ingresos crecentes por conceptos como taxas de mercadorías e taxas de actividade, mentres que os ingresos procedentes do Porto de Ferrol son cada vez menores”.

Non obstante, critica que “respecto ao seu investimento total, o investimento que a Autoridade Portuaria fai na Mariña Lucense é practicamente inexistente, a pesar de que este territorio xera unha parte importante dos ingresos da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, “.

A deputada socialista sinala que “a xustificación que ata agora deu a Autoridade Portuaria para esta distribución dos investimentos é que en Lugo non teñen territorio no que” poder facer “eses investimentos”.

Por iso, para posibilitar que a Autoridade Portuaria aumente o seu investimento na provincia de Lugo, Pérez Herraiz propón a firma de convenios con outras institucións “que si poderían facer os investimentos necesarios en infraestruturas, como o demandado Porto Deportivo de Cervo, ou noutros fins sociais que poidan repercturir no emprego ou a atención da poboación da Mariña”.

“Hai xa máis de 30 anos que o Porto de San Cibrao contribúe aos beneficios que obtén a Autoridade Portuaria e a Autoridade Portuaria realiza investimentos que contribúen ao desenvolvemento económico e social de Ferrol, pero non ao de Lugo”. “É hora de que os beneficios que a Autoridade Portuaria percibe pola actividade do Porto de San Cibrao revertan na provincia de Lugo” -sostén.

Exit mobile version