Site icon Crónica3.com A Mariña

Incrementa o número de consultas que chegan a COGAMI sobre accesibilidade en vivendas e negocios

18 de decembro de 2014.- A área de accesibilidade de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) resolveu durante o ano 2014 un total de 284 consultas sobre a adaptación da vivenda a persoas que teñen problemas de mobilidade, unha cantidade que supón un incremento do 7,58% con respecto ao ano pasado, cando se rexistraron 264 consultas.

Detrás destas peticións de asesoramento, a metade corresponde a persoas particulares que ven a necesidade de ter que obrar na casa porque convive cun familiar con lesión medular tras un accidente, ou tamén, porque na vivenda convive un familiar de avanzada idade ao que se lle van deteriorando as capacidades motoras. O resto das consultas proceden tanto das administracións públicas, como de empresas, organizacións e entidades sociais.

COGAMI entregou 134 proxectos de reformas de vivenda, oficina ou local comercial, dos que un 6% destes informes resolvéronse por asesoría xurídica, procedendo a maioría destas de comunidades de veciños que non chegaban a un acordo para a instalación dunha rampla, ascensor ou salva escaleiras. Dende COGAMI, nestes casos, fai entrega dun informe e dunha xustificación legal a favor das persoas maiores e das persoas con discapacidade que convivan na finca.

A provincia de A Coruña, con 219, foi a que máis precisou do asesoramento para adaptación de instalacións, seguida polas provincias de Pontevedra, con 195, Ourense con 68 e Lugo con 54. Outras 12 consultas realizadas chegaron dende fóra de Galicia, procedentes de entidades de Cataluña, Madrid, León, Asturias e Aragón.

O servizo de accesibilidade de COGAMI é gratuíto para as persoas con discapacidade, está atendido por dous profesionais que se desprazan ata as vivendas para elaborar un estudo sobre as remodelacións que deben acometerse para rachar coas barreiras arquitectónicas.

Exit mobile version