Site icon Crónica3.com A Mariña

Lete Lasa recibiu aos dezanove deportistas lucenses que acadaron o primeiro posto dos campionatos de España de 2013 e 2014

lete lasa1Lugo, 18 de Decembro de 2014.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, recibiu na tarde deste xoves aos dezanove deportistas lucenses que acadaron o primeiro posto dos campionatos de España de 2013 e 2014 nas súas respectivas modalidades, en categoría absoluta ou previa á absoluta.

No transcurso do acto, Lete Lasa resaltou dos deportistas presentes a súa confianza na súa capacidade de superación, xa que “a confianza en nós mesmos é un dos mellores estímulos que podemos atopar para perseverar no esforzo e na conquista dos nosos obxectivos deportivos e persoais”, indicou, asegurándolles que os seus logros deportivos convérteos en exemplo e motivo de orgullo para a provincia de Lugo e para toda Galicia.

Neste sentido, o responsable de Deportes da Xunta lembrou que a condición humana é social, o que significa que para o seu desenvolvemento necesita dos demais, de modo que os éxitos e os fracasos persoais afectan directa ou indirectamente ao resto da sociedade. “Cando gañades e cando perdedes, cando vos caedes e vos levantades, en parte facémolo tamén todos”, afirmou, engadindo que “cando nos esforzamos ao máximo das nosas posibilidades, incluso as aparentes derrotas son éxitos porque aprendemos dos erros e collemos impulso para novas metas”.

Lete Lasa rematou a súa intervención agradecendo aos deportistas lucenses a súa contribución ao momento de éxito que vive o deporte galego, a súa función de espello no que os cidadáns se miran para mellorar as súas vidas, e por ser proxectores dos mellores valores de Galicia no exterior, ao tempo que lles desexou que “nos vindeiros meses e anos continuedes escribindo os mellores libros da vosa vida, nos que relatedes os éxitos que están por vir, e cos que queremos seguir aprendendo e vibrando”.

Campións lucenses en competicións nacionais
Na recepción celebrada na tarde deste xoves nas dependencias da Xunta en Lugo estiveron presentes os dezanove deportistas lucenses -ou que compiten por un club da provincia- que acadaron o primeiro posto na categoría absoluta ou previa á absoluta, nas súas respectivas probas e modalidades.

Estes campións representan ás seguintes federacións e disciplinas: Tiro Olímpico, con Iván Fernández López, Miguel Ángel Colmenares Díaz, Yago Lanzós Gesto, Julio Rivas Iglesias, Iván Lindín Rodil, Alejandro González Barrio e Ángel Manuel Paz Penelas; Loita, con Nicolás López Gallego e José Cuba Vázquez; Boxeo (Full Contact), con David Alonso García e David Maira Méndez; Billar, con Raúl Esmorís López; Judo, con Bruno Omar Bobillo Martínez; Piragüismo, con Marcos González Díaz; Natación, con Mauro Rodríguez Baliña; Automobilismo, cos irmáns Sergio e Diego Vallejo Folgueira; Atletismo, con Alessandra Aguilar Morán e, finalmente, a federación de Triatlón, coas deportistas Aída Valiño Gómez e Cristóbal Rodríguez Fidalgo.

Exit mobile version