Site icon Crónica3.com A Mariña

Lidia Senra insta ó Comisario de Agricultura a modificar a actual PAC para regular mercados e producións

Bruxelas, 04 Decembro 2014. O recén nomeado Comisario de Agricultura da Comisión Europea (CE), Phil Hogan, participou na tarde de onte en Bruxelas no seu primeiro debate cas deputadas e deputados da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (PE) co obxectivo de abordar cuestións como o orzamento agrícola para o vindeiro ano 2015, as medidas adoptadas para compensar o impacto da prohibición rusa á importación de produtos alimentarios da UE, as propostas lexislativas que se atopan en marcha e a valoración da actual situación dos mercados agrícolas, entre eles, o do sector leiteiro.

Nesta xuntanza da Comisión Parlamentaria de Agricultura, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe), Lídia Senra, en calidade de Coordinadora do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) para dita comisión, demandou a Hogan unha maior regulación dos mercados para todas as producións, preguntándolle abertamente sobre o seu posicionamento ao respecto dunha posíbel modificación da actual Política Agraria Común (PAC) en aras do establecemento de medidas para avanzar cara un reforzo do control da produción e dos mercados que garanta prezos xustos para as produtoras e produtores, asegure o abastecemento alimentario e impida que os excedentes europeos sexan introducidos baixo a fórmula do dumping[1] nos mercados extracomunitarios.

Aliás, Senra lembroulle ao comisario que, no que respecta concretamente ao sector leiteiro, ademais de aspectos da situación de mercado que podan gardar relación co embargo ruso, “o problema do leite está tamén no abandono das cotas, que provocou un forte aumento da produción”.

O Comisario Hogan, pola súa banda, respostou unicamente á apreciación realizada por Senra en relación ao sector leiteiro -obviando deste xeito a necesidade xeral de regular tódalas producións e mercados-, aseverando que a actual política leiteira europea está xa acordada e que non entra nos seus plans de traballo a modificación da mesma.

Á vista da posición da Comisión de Agricultura, Lídia Senra resaltou que “a regulación da produción é boa non só para as labregas e labregos europeos, senón tamén para o campesiñado doutras rexións do mundo, e debe ir acompañada por prezos que cubran os custos de produción e remuneren o traballo, polo que fai falla seguirmos loitando con forza dende tódolos eidos para podermos reverter esta situación”.

Exit mobile version