Site icon Crónica3.com A Mariña

Lidia Senra solicita ao comisario de M. Ambiente que faga efectiva a prohibición do emprego de cianuro na minaría

Bruxelas, 1 decembro 2014. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe-GUE/NGL), Lídia Senra, vén de asinar unha carta[1] dirixida a Karmenu Vella, comisario europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, esixindo a prohibición total do emprego de cianuro nas actividades mineiras.

En dito documento, asinado por un total de 19 deputadas e deputados, lémbraselle ao comisario a pertinencia de aplicar a resolución aprobada por maioría no Parlamento Europeo o 5 de maio do ano 2010 (RC-B7-0238/2010), rexeitada no seu momento polo anterior comisario, Janez Potocnik.

“Tendo en conta que esta carta ao comisario Vella non só foi asinada tamén por deputados do PP, PSOE e liberais a nivel europeo, senón que foron precisamente dúas deputadas do PP europeo quenes a impulsaron, resulta especialmente incomprensíbel o interese de Alberto Núñez Feijoo por permitir que unha técnica tan perigosa para as persoas e a natureza sexa empregada na Galiza”, cuestiona Senra.

Cómpre lembrar que, fai apenas unha semana, o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez levou ao pleno do Parlamento de Galiza unha proposición de lei para prohibir o uso do cianuro na minaría a ceo aberto que, malia a contar co apoio de tódolos grupos da oposición, foi bloqueada polo Partido Popular galego.

O pasado 30 de setembro AGEe rexistrou tamén, a través de Lídia Senra, unha pregunta parlamentaria en relación á aplicación da Resolución Común B7-0238/2010 a prol da prohibición do emprego de cianuro na minaría por parte da Comisión Europea, que foi rexeitada tamén por Potocnik -inda non tomara posesión o actual comisario Karmenu Vella-.

“Non debemos esquecer que a maior catástrofe medioambiental en Europa dende Chernobil foi precisamente a ruptura do dique de cianuro da mineira Baia Mare en Romanía no ano 2000” -recalcou Lídia Senra-, “e tendo en conta que foi debido a unha construción inadecuada e a irregularidades na aplicación dos permisos e informe de impacto ambiental, un novo accidente pode ocorrer en calquera momento.”

De feito, segundo datos do PE -punto E da resolución do 10 de maio-, nos últimos 25 anos téñense dado no mundo máis de trinta accidentes importantes relacionados con verquidos de cianuro. Diante deste grave risco, a día de hoxe o emprego do cianuro está prohibido xa en países como Alemania, Turquía, República Checa ou Hungría, e plataformas cidadás tanto a nivel europeo -entre as que se atopa a galega Contraminacción- como latinoamericano loitan por acadar a total prohibición do cianuro nas actividades mineiras.

Exit mobile version