Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG dá os seus parabéns ós 8 despedidos de Sargadelos pola “pequena vitoria” nos tribunais

Cervo, 4 de decembro de 2014. Para o BNG a sentenza do contencioso número 2 de Lugo en relación ao ERE de extinción de contratos aprobado pola Consellaría de Traballo en setembro de 2010, representa unha vitoria moral e ética para as oito persoas despedidas das 26 que inicialmente estaban incluídas no ERE de extinción de contratos previsto pola empresa e aprobado pola Consellaría de Traballo. A súa loita durante meses, en numerosas ocasións en solitario, enfrontou cunha administración de traballo que lonxe de verificar a xustificación empregada pola empresa en contraposición as alegacións presentadas pola CIG no sentido contrario, argumentado a existencia dun grupo empresarial con relacións indiscutíbeis, solvencia económica e mesmo a relación de postos de traballo a extinguir foron subxectivos.

O BNG entende que esta sentenza pon en cuestión a obxectividade da Consellaría de Traballo para aprobar o primeiro ERE de extinción de contratos na cerámica de Sargadelos, desacredita o discurso do PP local que chegou a repartir panfletos polo concello responsabilizando a terceiros desta resolución, e deixa en papel mollado o informe emitido pola Inspección de Traballo en Lugo, de carácter consultivo, avalando os despedimentos mentres o mesmo organismo na Coruña resolvía en sentido contrario.

Para o portavoz municipal do BNG en Cervo, Xoán Antón Estúa, esta sentenza aínda sen ser definitiva xa que cabe recurso, “supón unha vitoria moral e ética das oito persoas despedidas” do grupo de 26, que inicialmente Cerámicas de Sargadelos tiña previsto despedir na súa factoría de Cervo. Con todo, “esta vitoria, non fai esquecer as inquedanzas, noites en vela e sufrimentos, dunha xente que da noite para a mañá viron como perdían os seus postos de traballo sen expectativas de conseguir outro”, afirmou Estúa.

O portavoz nacionalista explicou que o único organismo con competencias para resolver sobre este ERE foi a consellaría de Traballo, que logo de cumprir os trámites consultivos correspondentes, “aceptou as argumentacións da empresa, sen contrastar as alegación expostas pola parte sindical que agora se ven aceptadas por esta sentenza, mesmo poñendo en cuestión a imparcialidade da Consellaría por incomprensíbel e pouco rigorosa”.

Exit mobile version