Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG mariñao anuncia mocións nos Concellos afectados polo recortes no servizo de Correos

A Mariña, 1 de decembro de 2014. O BNG mariñao anunciou por medio da súa portavoz comarcal, Ana Ermida Igrexas a presentación de mocións nos concellos afectados polos recortes de persoal de servizos naqueles concellos afectados pola medida. Aínda pendente de concretar o alcance definitivo, a formación nacionalista menciona perdas nos concellos do Vicedo, Xove, Lourenzá, Trabada e Riotorto, dependentes das oficinas principais de Mondoñedo e Viveiro.

A formación nacionalista especificou que ademais de recortes nos servizos que xa veñen de atrás como no envío de paquetería en oficinas fora das principais, recortaranse horarios na apertura de oficinas en Lourenzá, Riotorto, Trabada ou Xove e drásticas reducións de persoal en Trabada, Lourenzá e Riotorto. As oficinas principais de Mondoñedo e Viveiro tamén se verán afectadas ao ampliarse con menos persoal as zonas de reparto.

Para o BNG estamos diante do progresivo desmantelamento do servizo de correos que actúa con ánimo mercantilista obviando a súa función pública e de cohesión territorial para evitar a marxinación e desatención da poboación que vive no rural.

Ana Ermida Igrexas anunciou que o BNG presentará mocións nos concellos afectados que se concretarán nos próximos días, á espera de coñecer as particularidades, cos datos que sabemos agora Riotorto, Trabada, Lourenzá e Xove son os concellos mais afectados.

Exit mobile version